O PSdeG de Rábade pon en valor a última fase das obras da rúa Álvaro Cunqueiro

LugoXa | TerraChaXa
A Deputación financia con 18.783 euros esta nova intervención, que completa a mellora dunha vía moi utilizada pola veciñanza e eleva a 32.000 euros o investimento provincial
rua-alvaro-cunqueiro-rabade-obras
5 Nov 2026

O PSdeG de Rábade pon en valor a posta en marcha da última fase das obras de pavimentación da rúa Álvaro Cunqueiro, que se están a executar grazas ao financiamento da Deputación de Lugo cuxa finalización está prevista para os vindeiros días.

O voceiro socialista, Alejandro Martínez, explica que a institución provincial destinou 18.783,31 euros a esta segunda fase, que dá continuidade aos traballos xa realizados e eleva a 32.000 euros o investimento total na rúa. “Grazas ao investimento da Deputación estamos a poñer fin ao calamitoso estado no que se atopaba esta vía. Os traballos avanzan e, en poucos días, a veciñanza poderá contar cunha estrada renovada e en boas condicións”, sinala.

Martínez destaca que esta actuación forma parte dos máis de 800.000 euros mobilizados pola Deputación de Lugo neste mandato para mellorar rúas, infraestruturas e instalacións deportivas de Rábade. Entre estes investimentos figuran os 224.000 euros destinados á avenida dos Remedios; os 132.000 euros ás rúas Miguel de Cervantes e Doutor Fleming; e os 258.000 euros á modernización do campo de fútbol municipal, ademais desta intervención na rúa Álvaro Cunqueiro.

A estas actuacións sumaranse nos vindeiros meses outras obras que xa contan coa aprobación e coa dotación económica da institución provincial: a rexeneración da rúa Bautista Núñez Varela, con 68.000 euros; a última fase da urbanización da avenida dos Remedios, con 114.174 euros; e a pavimentación do acceso á praza de Castelao desde a N-VI, cunha achega de 35.383 euros.

“Estes investimentos tradúcense en melloras concretas para a vida diaria da veciñanza: rúas arranxadas, mellores accesos e instalacións deportivas renovadas. Dende o PSdeG escoitamos as necesidades de Rábade e traballamos para conseguir os recursos que permitan atendelas”, destaca o voceiro.

Martínez contrapón este balance á falta de investimentos do PP. “As e os socialistas fomos quen de xestionar máis investimentos nesta vila que a alcaldesa do PP e o seu equipo con toda a súa maioría absoluta. A súa xestión inversora en Rábade nin está nin se espera”, afirma.

“Hai un abandono total en materia de investimentos, tanto desde o Concello como desde a Xunta do PP. É o resultado dunha xestión municipal incapaz de responder aos problemas da vila e allea ás necesidades dos seus veciños e veciñas”, conclúe o voceiro do PSdeG.

0.15787100791931