O PSdeG de Rábade pon en valor o avance da segunda fase das obras na rúa Álvaro Cunqueiro

LugoXa | TerraChaXa
A Deputación de Lugo financia con 18.783 euros esta nova actuación, que eleva a 32.000 euros o investimento total na vía
alvaro-cunqueiro-rabade
31 Jul 2026

O PSdeG de Rábade puxo en valor o avance da segunda fase das obras de pavimentación da rúa Álvaro Cunqueiro, financiadas pola Deputación de Lugo cun investimento de 18.783,31 euros.

Esta nova actuación permitirá completar a mellora da vía tras a primeira fase xa executada e eleva a 32.000 euros o investimento total realizado pola institución provincial nesta rúa.

O voceiro socialista, Alejandro Martínez, destacou que os traballos permitirán renovar o firme e mellorar a mobilidade e a seguridade da veciñanza. “Esta actuación responde a unha das necesidades que o PSdeG de Rábade trasladou ao Goberno da Deputación de Lugo, que volve demostrar a súa capacidade para escoitar, atender as demandas do municipio e convertelas en investimentos concretos”, afirmou.

Esta intervención súmase aos máis de 700.000 euros mobilizados pola Deputación de Lugo nos últimos tres anos para a mellora de vías e instalacións municipais. En concreto, a institución provincial investiu 224.000 euros na Avenida dos Remedios; máis de 132.000 euros nas rúas Miguel de Cervantes e Doutor Fleming; 32.000 euros na rúa Álvaro Cunqueiro; 68.000 euros na rúa Bautista Núñez; e 258.000 euros na renovación do campo de fútbol municipal e na construción dos novos vestiarios.

“As cifras falan por si soas: a Deputación leva investidos 714.000 euros en actuacións útiles para Rábade, mentres a Xunta de Rueda continúa sen impulsar ningunha obra de relevancia no municipio”, asegurou Martínez. “Cando remate a lexislatura o balance dos gobernos do Partido Popular será moi claro: nin unha soa actuación de calado para Rábade”, engadiu.

O voceiro socialista advertiu de que “tres anos de goberno do PP son tres anos sen un proxecto para Rábade”, e lamentou que tanto o Goberno local como a Xunta permanezan “ausentes mentres o goberno progresista da Deputación continúa achegando recursos e solucións para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

0.11988496780396