O PSdeG denuncia o atraso da campaña de rozas e alerta do aumento dos riscos para a seguridade en Lugo

LugoXa
Ana González Abelleira acusa ao Goberno local de falta de planificación e reclama a mobilización inmediata de todos os medios dispoñibles
PSOE-desbroces-Lugo
8 Jul 2026

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, criticou o que cualificou como un "inadmisible atraso" na posta en marcha da campaña municipal de desbroces, unha situación que, segundo asegura, non ten precedentes e que está a provocar problemas de seguridade en distintos puntos do municipio.

A edil socialista sostén que este ano o servizo iniciouse máis tarde que nunca, malia que a primavera estivo marcada por abundantes precipitacións e o verán por altas temperaturas, unhas condicións que favoreceron un crecemento excepcional da vexetación. Ao seu xuízo, o Goberno local dispoñía de información suficiente para anticiparse a esta situación e planificar os traballos con maior previsión.

Segundo explicou González Abelleira, a falta de mantemento durante as últimas semanas fixo que en numerosas estradas, camiños e espazos públicos a vexetación alcance xa máis de dous metros de altura. A concelleira advertiu de que esta situación non representa só un problema de imaxe, senón que ten consecuencias directas para a seguridade da veciñanza.

Entre os principais riscos, a portavoz socialista destacou o incremento do perigo de incendios pola acumulación de vexetación seca nas marxes das vías, áreas recreativas e espazos públicos durante unha época especialmente sensible. Así mesmo, sinalou que a maleza favorece a proliferación de roedores e outras pragas tanto nas zonas rurais como nas periurbanas, afectando á salubridade e á calidade de vida da poboación.

O Grupo Socialista tamén mostrou a súa preocupación polo impacto da situación na seguridade viaria. González Abelleira asegurou que existen numerosos cruces no rural nos que a vexetación reduce considerablemente a visibilidade dos condutores, dificultando as incorporacións ás estradas e aumentando o risco de accidentes. Ademais, indicou que en moitos camiños a maleza invade as cunetas, obrigando aos peóns a camiñar pola calzada e compartindo espazo cos vehículos.

A concelleira considera que este atraso evidencia unha falta de planificación por parte do Executivo municipal e lembra que as campañas de desbroces responden a un calendario que se repite cada ano e que require previsión. Por iso, instou ao Goberno de Elena Candia a acelerar de inmediato os traballos en todo o municipio e a mobilizar todos os recursos dispoñibles para recuperar o tempo perdido e reducir os riscos para a cidadanía.

0.09697699546814