O PSdeG leva ao Parlamento a colaboración da Xunta nas festas da Milagrosa de Lugo

LugoXa
Lara Méndez e Patricia Iglesias reclaman coñecer se existe apoio económico, institucional ou loxístico e cuestionan o uso do logotipo autonómico
Lara-Mendez_Pregunta-Pleno-2026
8 Oct 2026

As deputadas do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia Lara Méndez López e Patricia Iglesias Rey presentaron no Parlamento galego unha pregunta para coñecer cal é a participación da Xunta nas festas da Milagrosa de Lugo. A iniciativa foi rexistrada para a súa resposta oral na Comisión 6ª, de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.

A petición chega no contexto da controversia xerada arredor da recuperación da elección de raíñas e damas nas celebracións. Segundo recolle a iniciativa socialista, as festas da Milagrosa teñen carácter veciñal e contan coa participación de diferentes colectivos e entidades da cidade, pero nos últimos tempos o regreso destes actos provocou debate político e social. As deputadas lembran que o Pleno municipal rexeitara esta práctica en 2016 ao considerar que reproducía roles e estereotipos sexistas.

O Grupo Socialista considera que este debate tamén debe incluír o papel das distintas administracións públicas. Por iso, as parlamentarias queren coñecer se a Xunta está a prestar algún tipo de apoio ás festas e, especialmente, cal é a súa posición ante a recuperación da elección de raíñas e damas.

Un dos aspectos nos que poñen o foco é a presenza do logotipo da Xunta de Galicia nos materiais relacionados coas festas. Segundo a documentación pública que citan as deputadas, a Administración autonómica aparece como entidade colaboradora, unha circunstancia que, ao seu xuízo, pode facer entender que existe unha colaboración oficial.

Por este motivo, Lara Méndez e Patricia Iglesias reclaman que se concrete o alcance desa colaboración e que se especifique se existe algún convenio, subvención, achega económica, cesión de medios, apoio loxístico ou outra fórmula de participación por parte da Xunta. Tamén preguntan se ese eventual apoio está relacionado dalgún modo coa programación ou coa organización dos actos que están a xerar controversia.

As parlamentarias tamén contemplan a posibilidade de que non exista colaboración oficial da Administración autonómica. Nese caso, solicitan que se explique por que aparece o seu logotipo como entidade colaboradora no material de difusión das festas e se o seu uso foi autorizado, así como quen concedeu esa autorización. 6

A iniciativa inclúe seis preguntas concretas. Entre elas, o PSdeG pide coñecer que tipo de colaboración económica, institucional, material ou loxística prestou ou presta a Xunta; que organismo ou consellería a autorizou, a súa contía e finalidade e a entidade destinataria; e se existe algún expediente, convenio, autorización ou subvención que xustifique a presenza da Administración autonómica como colaboradora.

Finalmente, as deputadas preguntan se a Xunta autorizou expresamente o emprego do seu logotipo nos carteis, programas, redes sociais ou outros soportes de difusión das festas e se ten previsto adoptar algunha medida para garantir que tanto o uso da súa imaxe institucional como unha eventual colaboración sexan transparentes e coherentes coas políticas públicas de igualdade.

0.16624402999878