A Asociación da Milagrosa critica o programa das festas de 2026 e desvincúlase da súa organización

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa, que durante décadas participou na organización das festas do barrio, desvincúlase da celebración das Festas da Milagrosa 2026 e critica duramente o programa previsto para este ano.
A entidade, que se suma ás críticas de PSOE, BNG, a Plataforma Feminista de Lugo e a Asociación Agra dos Castros, asegura que a decisión responde á petición dun número importante de socios e simpatizantes e aclara, como primeira cuestión, que "a nosa asociación non ten nada que ver coa organización das Festas 2026".
Desde a asociación consideran que o programa deseñado para este ano é "o peor" dos elaborados ao longo de máis de seis décadas de celebracións. Segundo sinalan, trátase dunha programación "mediocre" e defenden que o barrio da Milagrosa merece "outra cousa, outra calidade".
Outro dos aspectos cuestionados é a duración da instalación dos carruseis. A entidade critica que, fronte aos tres días de festas anunciados, as atraccións permanezan no barrio durante sete días. Na súa opinión, esta situación obrigará aos veciños de Agro do Rolo a soportar durante unha semana o ruído e as molestias derivadas da actividade das atraccións. "Semella que quen pon as condicións para celebrar as festas son os barraquistas", apunta.
A asociación tamén expresa o seu desacordo cos horarios autorizados para as barracas. Segundo denuncia, poderán permanecer abertas ata a 1 da madrugada como mínimo, con horarios máis amplos durante as noites do venres e do sábado. A entidade considera que esta decisión non ten en conta os residentes da residencia de maiores situada a uns 50 metros das atraccións nin as persoas que precisan madrugar. Lembra, ademais, que durante anos o horario de peche dos carruseis se situaba ás 12 da noite.
As críticas esténdense tamén á celebración das "Raíñas e Damas" das festas, que a asociación rexeita por considerar que se trata dunha tradición que xa fora superada. "Semella que volvemos ao século pasado", sinala. Do mesmo xeito, cuestiona a inclusión de fogos artificiais no programa.
Por último, a entidade fai referencia ás acusacións realizadas polo BNG sobre unha posible vinculación entre a contratación das orquestras e unha persoa asesora do PP no Concello de Lugo. A asociación sinala que, "se é verdade" o denunciado polos nacionalistas, sería "un auténtico escándalo".
Nese escenario, a entidade considera que as festas poderían estar adquirindo un carácter político e afirma que "non son as nosas festas senón as festas do PP de Lugo". A asociación tamén relaciona con esta valoración a elección da pregoeira, que finalmente renunciou ao cargo, e acusa o Partido Popular de empregar, presuntamente, actuacións musicais e outros recursos para condicionar as comisións organizadoras e converter as celebracións en actos políticos.