O PSOE acusa a Candia de desviar os fondos de Novo Norte cara a actuacións temporais e gastos xa previstos

O Grupo Municipal Socialista acusa ao Goberno de Elena Candia de alterar os obxectivos dos fondos europeos de Novo Norte ao empregalos para financiar actuacións que inicialmente estaban previstas con recursos municipais e actividades de impacto inmediato. A voceira adxunta do PSOE, Ana González Abelleira, considera que esta política pode poñer en risco os dous grandes proxectos de transformación urbanística, económica e social da zona norte da cidade.
Entre as actuacións que pasarían a financiarse figuran o aparcadoiro disuasorio do Ceao, cun investimento anunciado duns 450.000 euros, e as intervencións nas rúas Río Eo e Otero Pedrayo, orzamentadas en aproximadamente 391.000 euros. A estas partidas súmanse a contratación de dous carruseis de Nadal por 79.860 euros, decoración luminosa por 62.920 euros e un mercado navideño por 94.380 euros, tamén vinculados ao Plan de Actuación Integrado (PAI).
González Abelleira asegura que o problema non é a programación de Nadal, senón utilizar unha financiación extraordinaria destinada á transformación da cidade para sufragar actividades temporais e gastos que xa estaban previstos nos orzamentos municipais. "O que non podemos aceptar é que unha oportunidade extraordinaria para transformar a cidade acabe servindo para completar a programación municipal sen explicar que investimentos quedan garantidos", advertiu.
A socialista considera que o Goberno está a confundir a dinamización puntual dos espazos coa súa revitalización a longo prazo. Por iso, reclama que se concreten os resultados que se esperan das actividades, como se avaliarán e que continuidade terán unha vez remate a financiación europea.
O PSOE lembra que Novo Norte incluía dous proxectos estratéxicos. O primeiro era conectar a estación intermodal co centro histórico mediante un sistema de ramplas e ascensores que mellorase a accesibilidade e integrase a infraestrutura ferroviaria e de autobuses na cidade. O segundo consistía en transformar a avenida da Coruña nun gran bulevar comercial, con máis espazo para os peóns, zonas verdes e unha contorna renovada para favorecer a actividade económica.
A denuncia enmárcase nas críticas que o grupo socialista vén realizando ás modificacións orzamentarias do Goberno local. En outubro, o PSOE cuestionou a retirada de 1,89 millóns de euros de nove investimentos municipais para financiar a primeira fase de San Fiz, mentres o Concello anunciaba que determinadas obras continuarían con cargo a Novo Norte.
González Abelleira sostén que esta reorganización pode liberar recursos propios, pero tamén comprometer parte dunha financiación europea que se conseguiu para desenvolver unha estratexia de cidade. Por iso, o Grupo Socialista esixe ao Executivo local que publique a programación actualizada de Novo Norte, o reparto dos fondos entre as distintas actuacións e o calendario de execución dos proxectos estratéxicos.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL
O Concello de Lugo sostén que porá en marcha novas iniciativas para dinamizar a avenida da Coruña e os barrios próximos, cun primeiro paquete de actuacións vinculado ao Nadal que incluirá un mercado, dous carruseis e catro espazos con decoración e actividades propias destas datas.
O Goberno local enmarca estas propostas na estratexia do PAI Novo Norte, cuxa memoria, elaborada polo anterior executivo municipal, xa recollía na actuación P1.9 unha "Campaña turística para a posta en valor da avenida da Coruña e barrios próximos". O obxectivo é estender a actividade turística e económica a outros puntos da cidade, atraer visitantes á zona norte e xerar oportunidades para o comercio, a hostalería e os servizos de proximidade.
As iniciativas de Nadal serán o primeiro grupo de actuacións concretas dunha estratexia máis ampla que se desenvolverá progresivamente ata 2030. A intención é crear novos motivos para achegarse a esta parte da cidade, estender a actividade máis alá do centro e favorecer o movemento de persoas e o consumo nos negocios da contorna.
Por outra banda, o Concello está a tramitar un estudo específico de mobilidade para o bulevar da avenida da Coruña, co que analizará as distintas alternativas posibles. A decisión sobre o modelo de intervención adoptarase unha vez coñecidos os resultados, tendo en conta as necesidades de mobilidade da avenida e dos barrios próximos.
O PAI Novo Norte contempla tamén actuacións de carácter estrutural en espazos como o parque da Milagrosa, San Lourenzo e Paradai, entre outras intervencións. O plan conta cun investimento global de 14.550.506 euros, financiado nun 60 % con fondos FEDER e nun 40 % con achegas municipais.
O Concello defende unha intervención integral na zona norte que combine a dinamización turística e comercial cos investimentos en espazos públicos, equipamentos e mellora urbana, co propósito de incrementar a actividade económica e mellorar a calidade de vida da veciñanza.