O Goberno de Elena Candia presume de novo dun proxecto impulsado polo anterior Executivo

O Goberno de Elena Candia volve presentar como propia unha actuación que xa fora impulsada polo anterior Executivo municipal. Nesta ocasión, o Concello presume dos proxectos de mellora do parque de San Lourenzo e da conexión entre as rúas Río Eo e Otero Pedrayo, iniciativas que xa se atopaban nunha fase inicial de redacción antes do cambio de Goberno.
De feito, o pasado mes de xuño o BNG preguntou polo proxecto de conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo, mentres que en maio o anterior Goberno municipal, a través da Concellería de Infraestruturas, presentara o proxecto de humanización da conexión de Otero Pedrayo con Río Sil.
Agora, o Executivo de Elena Candia presenta as actuacións destacando as melloras que incorporan, entre elas a renovación integral dos servizos. Os proxectos buscan transformar estes espazos públicos, mellorar a súa imaxe, ordenar os usos, gañar espazo para os peóns e dar solución ás necesidades de estacionamento.
O conxunto das dúas actuacións supón un investimento de máis de 860.000 euros, dos que 469.254,17 euros corresponden á Praza de San Lourenzo e 390.780,57 euros á conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo. Ademais, contan cun 60 % de financiamento dos fondos FEDER, dentro do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, no marco do Plan EDIL/PAI Novo Norte.
Así vai cambiar a conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo
A actuación permitirá transformar por completo a configuración actual da rúa. Na actualidade conta con só seis metros de sección, con dúas beirarrúas estreitas, de aproximadamente un metro, e unha calzada central de catro metros. Co proxecto, pasará a dispoñer dunha plataforma única de sete metros, sen barreiras e con prioridade para os peóns.
O estacionamento quedará tamén ordenado. Actualmente é habitual que os vehículos aparquen sobre a beirarrúa, xerando problemas de accesibilidade. Co novo deseño habilitaranse cinco prazas en batería no extremo situado xunto a Río Eo, evitando que os coches invadan o espazo peonil.
A vía continuará permitindo o acceso de vehículos, pero deixará de funcionar como unha vía de paso xeral. Poderán circular residentes, servizos, vehículos de emerxencias e persoal de mantemento, pero a prioridade será para os peóns.
O proxecto tamén contempla a eliminación de barreiras, a adaptación das rasantes e a instalación de pavimentos táctiles nos cruces, cambios de nivel e puntos de advertencia, co obxectivo de facer o percorrido máis seguro e accesible.
As obras incluirán ademais a renovación integral das redes situadas baixo a rúa. Así, renovaranse o saneamento e o abastecemento de auga e ordenaranse e soterraranse as infraestruturas de telecomunicacións, electricidade e iluminación.
O espazo contará con máis zonas verdes e áreas de estancia. Conservarase o arborado existente de maior porte e incorporaranse novas zonas axardinadas, céspede, especies aromáticas e ornamentais e espazos con bancos.
A actuación completarse con dúas pérgolas, novo mobiliario urbano e unha pequena zona de xogos infantís no ámbito superior, preto de Otero Pedrayo. Tamén se instalará un aparcabicis con capacidade para catro bicicletas.
Así vai cambiar a Praza de San Lourenzo
A reforma da Praza de San Lourenzo permitirá ampliar notablemente a superficie verde. A zona verde continua pasará de aproximadamente 320 metros cadrados a 700 metros cadrados, máis do dobre. Ademais, conservarase o arborado existente e incrementarase o número de árbores, pasando de 25 a 35, o que supón un aumento do 40 %.
A intervención busca tamén reducir a calor e aumentar as zonas de sombra. Para iso, a praza contará con máis arborado, pavimentos permeables e materiais con menor absorción térmica. Segundo as estimacións do proxecto, a temperatura superficial nos principais itinerarios poderá reducirse entre 8 e 12 ºC respecto da situación actual.
As áreas de xogo infantil serán reorganizadas e integraranse no espazo verde, conectadas cos percorridos peonís. En total, destinaranse 534,60 metros cadrados a xogos infantís, con pavimento continuo de caucho.
Tamén se creará unha zona específica para sentarse e descansar, con bancos e unha pérgola ou elemento lixeiro de sombra, especialmente no sector sur da praza.
O estacionamento quedará igualmente ordenado. Na actualidade poden chegar a aparcar ata 12 vehículos sen prazas delimitadas, o que dificulta nalgúns momentos o acceso aos garaxes e penaliza o paso peonil. Co novo deseño haberá 12 prazas en batería e seis en liña, ata alcanzar un total de 18 prazas ordenadas.
A accesibilidade será outro dos eixos da actuación, con percorridos peonís claros e continuos, sen a fragmentación actual, e pavimentos adaptados.
A iluminación da praza e do pasadizo tamén será renovada mediante tecnoloxía LED, con especial reforzo nos accesos, cruces, zona infantil e pasadizo.
Finalmente, a nova organización da praza creará unha gran superficie verde central capaz de integrar os diferentes usos do espazo: camiñar, xogar e descansar. O proxecto incorpora ademais pérgolas, novas plantacións e un elemento de muro-banco arredor das zonas de xogo.