O PSOE de Lugo acusa ao goberno de Elena Candia de “propaganda” co plan de limpeza

LugoXa
Miguel Fernández defende a xestión dos últimos anos e reivindica os avances ambientais e os recoñecementos acadados pola cidade
Ecolugo-Miguel-Fernández
27 May 2026

O portavoz socialista, Miguel Fernández, denunciou que o denominado “plan intensivo de limpeza” anunciado polo goberno de Elena Candia “non é máis ca unha campaña de propaganda deseñada para intentar desacreditar o traballo realizado durante máis dunha década polos gobernos progresistas en materia de limpeza, sustentabilidade e xestión ambiental”.

Fernández lembrou que Lugo “é hoxe unha das cidades máis limpas de España”, unha realidade que, segundo indicou, “non nace da improvisación nin dunha campaña de imaxe, senón do esforzo constante, da planificación e do compromiso cunha cidade máis sostible”. Neste sentido, destacou que os recoñecementos obtidos nos últimos anos “avalan de forma obxectiva o traballo realizado”, citando galardóns como a Escoba de Platino recibida este mesmo ano ou as Pajaritas Azules, que distinguen a capacidade de reciclaxe e a correcta xestión dos residuos urbanos.

O dirixente socialista puxo tamén en valor o traballo desenvolvido arredor da implantación do colector marrón, unha iniciativa impulsada durante a súa etapa á fronte da área de Transición Ecolóxica e que, segundo indicou, “sitúa a Lugo na elite nacional e á vangarda de Galicia en materia de compostaxe e tratamento sostible de residuos”. Lembrou ademais que este mesmo ano “a cidade entregou por primeira vez compost á veciñanza, pechando así un ciclo exemplar de reutilización e economía circular”.

“Estamos falando dunha transformación profunda da política ambiental de Lugo, construída con anos de traballo serio e responsable, non de operacións de maquillaxe política”, afirmou o portavoz socialista, quen lamentou que o actual goberno local “prefira alimentar un relato falso antes que recoñecer os avances acadados pola cidade”.

Fernández foi especialmente contundente ao sinalar que “non imos permitir que a señora Candia tire polo retrete máis dunha década de traballo e que, indirectamente, con estes dispositivos fake, intente desprestixiar a nosa xestión e a imaxe de Lugo”. Ao seu xuízo, “é profundamente irresponsable trasladar a idea de que a cidade estaba abandonada cando os datos, os premios e o recoñecemento externo din exactamente o contrario”.

Por último, reclamou ao goberno local “menos propaganda e máis respecto institucional cara ao traballo realizado por centos de traballadores municipais e polos anteriores gobernos que fixeron posible que Lugo sexa hoxe un referente ambiental”. Insistiu en que “a limpeza e a sustentabilidade dunha cidade non se constrúen con campañas de márketing, senón con planificación, investimento e compromiso político continuado”.

0.12326288223267