O PSOE de Portomarín denuncia un novo episodio de auga turbia

LugoXa
O partido acusa ao PP de abandonar á veciñanza ante un problema de saúde pública que se repite dende hai anos
auga-portomarin
15 Jun 2026

O PSdeG de Portomarín denunciou hoxe un novo episodio de auga turbia no municipio e acusa ao Goberno local do Partido Popular de manter á veciñanza nunha situación “absolutamente inaceptable” pola falta de solucións a un problema de saúde pública que se repite dende hai anos e que afecta de cheo a un servizo básico esencial.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, advirte de que a auga volve chegar ás vivendas en mal estado, cun aspecto turbio e impropio dunha subministración que debería prestarse con todas as garantías. “Estamos falando dun problema que pon en risco a saúde da veciñanza, especialmente nun momento de temperaturas altas e seca no que calquera deficiencia na subministración de auga pode ter consecuencias directas para a poboación”, advirte Vázquez.

As e os socialistas consideran especialmente grave que esta situación continúe despois de anos de advertencias, queixas veciñais e denuncias públicas. “O alcalde sabe perfectamente que non é un feito illado, sabe que afecta á vida diaria da xente, que pode supoñer riscos para a saúde e que tamén prexudica aos negocios e á imaxe de Portomarín. O que está facendo o PP é mirar para outro lado mentres a veciñanza segue sufrindo as consecuencias da súa falta de xestión”, critica.

O voceiro do PSdeG lembra que o PP leva máis de dous anos anunciando actuacións para solucionar este problemas estrutural sen que ata o momento se teña dado unha resposta efectiva. Vázquez censura, ademais, a contradición entre a falta de investimentos e melloras no servizo e a suba das taxas municipais, que cualifica de “desproporcionada”. “Para cobrarlle máis á veciñanza si houbo présa, pero para acometer melloras non hai nin a mínima vontade”, advertiu.

O Grupo Municipal Socialista reclama ao alcalde que explique que actuacións ten previstas, en que prazos se van executar e que medidas inmediatas vai adoptar para garantir unha subministración segura. “A auga é saúde pública, é calidade de vida e é tamén unha cuestión de dignidade para Portomarín”, conclúe Sergio Vázquez.

0.12625908851624