O PSOE denuncia a falta de actividade no Coliving e no Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou a falta de actividade no Coliving e no Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz, dous equipamentos municipais que, segundo sinalou, permanecen sen unha programación acorde cos obxectivos para os que foron creados. A edil acusou o Goberno de Elena Candia de non dar continuidade a estes proxectos, impulsados durante o anterior mandato con financiamento europeo a través de Muramiñae e do Plan de Sustentabilidade Turística, respectivamente.
González Abelleira considera que o Concello está desaproveitando oportunidades de dinamización económica, cultural e turística. "Un equipamento público non cumpre a súa función polo simple feito de estar construído: ten que estar vivo e ao servizo da xente", afirmou, ao tempo que reprochou ao actual Executivo local que se limite a abrir edificios sen dotar os espazos de contido e programación.
A concelleira centrou parte das súas críticas na Fábrica da Luz, concibida como un espazo para promover a gastronomía lucense, poñer en valor os produtos de proximidade e favorecer o encontro entre produtores, hostaleiros e cidadanía. Segundo denunciou, desde a súa apertura non conta cunha programación estable que permita aproveitar o seu potencial como referente enogastronómico e ferramenta de dinamización económica e turística.
Tamén alertou da situación do Coliving, impulsado no marco do proxecto Muramiñae para atraer persoas creadoras, profesionais e iniciativas culturais, así como contribuír á desestacionalización turística. Segundo a portavoz socialista, o equipamento entrou nunha situación de parálise tras a moción de censura e o cambio na dirección municipal de Cultura, sen desenvolver unha programación que permita cumprir os seus obxectivos iniciais.
Para González Abelleira, a situación de ambos espazos reflicte a falta de colaboración estable do Goberno local co tecido social, cultural e económico da cidade. Por iso, defendeu a necesidade de implicar entidades culturais, artistas, produtores, hostaleiros e profesionais do turismo na elaboración das actividades. "Hai que escoitar os sectores, crear alianzas, establecer calendarios e ofrecer continuidade. O Concello debe actuar como facilitador e impulsor da actividade, non como un simple xestor de edificios", sinalou.
A edil advertiu tamén de que a falta de programación pode comprometer o aproveitamento dos fondos europeos destinados a estes proxectos, ao considerar que os investimentos deben traducirse en actividade e resultados para a cidade. Ademais, reclamou que ambos equipamentos se integren nunha estratexia de recuperación e conexión da trama urbana coa contorna do río Miño, mediante unha rede de espazos culturais, turísticos e de lecer que achegue a cidadanía á zona fluvial.
Finalmente, o Grupo Municipal Socialista solicitará ao Goberno local a elaboración dun programa estable de actividade para o Coliving e o Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz. A proposta incluiría obxectivos definidos, un calendario anual, a participación dos sectores implicados e unha avaliación dos resultados.