O PSOE pide ao Goberno local que rectifique e manteña a reforma integral da Avenida da Coruña

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, reclamou ao Goberno local que reconsidere a súa decisión de paralizar a reforma integral da Avenida da Coruña, unha actuación incluída na Estratexia Novo Norte e financiada con fondos europeos. O socialista cualificou esta decisión de "gravísimo erro estratéxico" e anunciou que solicitará formalmente á alcaldesa, Elena Candia, que rectifique.
Fernández sostén que o proxecto representaba "a maior oportunidade das últimas décadas para transformar urbanística, económica e socialmente a zona norte de Lugo" e acusou ao actual Executivo de "antepoñer os seus intereses partidistas ao futuro da cidade". Ao seu xuízo, Candia "é capaz de renunciar a proxectos estratéxicos simplemente porque non levan a súa sinatura", unha forma de gobernar que considera "profundamente lesiva para os intereses de Lugo".
O portavoz socialista lembrou que a zona norte concentra a maior densidade de poboación do municipio e que precisa dunha profunda modernización urbanística. Segundo explicou, a actuación permitiría crear máis espazos públicos, incrementar as zonas verdes, mellorar a accesibilidade e favorecer novos espazos de convivencia.
Miguel Fernández incidiu en que a reforma foi consensuada co tecido asociativo da zona e respondeu a unha planificación integral da mobilidade. Neste sentido, defendeu que a Avenida da Coruña deixou de ser o principal acceso á cidade, unha función que, segundo indicou, desempeña actualmente a Avenida Infanta Elena, polo que considera que o vial pode evolucionar cara a un gran bulevar urbano con máis espazo para os peóns e para o comercio de proximidade.
O socialista lembrou tamén que o proxecto contemplaba a unidireccionalidade da avenida e estaba vinculado á culminación da Segunda Rolda. Ademais, sinalou como actuacións prioritarias a eliminación do punto de estrangulamento existente na contorna de Dona Urraca e a conexión da rúa Escultor Asorei coa rúa Amizade, actuacións que permitirían, segundo explicou, distribuír o tráfico de forma máis eficiente.
Fernández lamentou que o Goberno local estea paralizando unha das actuacións máis ambiciosas previstas na Estratexia Novo Norte cando xa existía financiamento europeo comprometido para a súa execución. "Europa aposta por cidades máis sostibles, máis humanas e máis competitivas. Candia aposta por frear esa transformación", afirmou.
Finalmente, advertiu de que, ao seu xuízo, o actual Executivo carece dun proxecto de cidade e está a gobernar con visión a curto prazo. "Se continúa por este camiño, un ano de Goberno de Candia fará perder á nosa cidade unha década enteira de avances. Lugo non pode permitirse ese luxo", concluíu.
PIDEN TRANSPARENCIA
Pola súa parte, a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa reclamou ao Goberno local de Lugo que as decisións relacionadas co plan Novo Norte e que afecten ao barrio sexan trasladadas ao conxunto do tecido asociativo da zona. O colectivo considera que calquera modificación desta estratexia debe estar acompañada de información, transparencia e participación.
A entidade sostén que sería desexable que o Concello comunicase con claridade os cambios previstos e contase coas asociacións da contorna afectada antes de adoptar decisións. Neste sentido, reclama que se facilite información a todo o tecido asociativo e que este poida participar no proceso.
Ademais, a asociación mostra a súa preocupación polas "presuntas decisións" que estaría a adoptar o actual Goberno municipal, ao considerar que poderían poñer "en grave risco" os fondos europeos asociados ao desenvolvemento do proxecto, uns recursos que, segundo subliña, a cidade necesita.
O colectivo critica tamén o que considera un trato desigual por parte do Executivo local. Ao seu xuízo, "dá a impresión de que o actual Goberno só dá información e participación a aqueles colectivos que considera próximos e manexables", unha actitude que cualifica de "sumamente preocupante".
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa defende que o futuro de Lugo debe decidirse de maneira aberta e participativa. "A cidade constrúese entre todos, non só cos amiguetes", sinala.
Finalmente, manifesta o seu desacordo cos cambios que o Goberno local pretende introducir no plan Novo Norte, insistindo en que calquera modificación dunha actuación estratéxica para a cidade debe realizarse con consenso e contando coa participación das entidades representativas da zona afectada.