O PSOE reclama a Candia que desbloquee a ordenanza acústica catro meses despois de chegar á Alcaldía

LugoXa
Ana González Abelleira acusa o Goberno municipal de manter paralizada unha norma xa preparada e reclama novas ferramentas para actuar ante os problemas de convivencia
Ana-González-Abelleira-PSOE-Lugo
1 Sep 2026

Catro meses despois da moción de censura que levou a Elena Candia á Alcaldía de Lugo, a nova Ordenanza Municipal de Ruídos continúa sen entrar en vigor. O PSOE reclama ao Goberno local que retome de inmediato a súa tramitación e aprobe unha normativa que, segundo os socialistas, permitiría reforzar a resposta municipal ante os problemas de contaminación acústica e os conflitos relacionados con determinados establecementos. Esta reivindicación súmase á do BNG, que tamén pediu impulsar a nova ordenanza acústica para reforzar a loita contra os problemas de convivencia.

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, sostén que o texto xa fora preparado polo anterior Executivo tras case un ano de traballo técnico e político e despois de incorporar achegas de asociacións veciñais, colectivos e sectores afectados.

A proposta establece un marco normativo actualizado e incorpora novas ferramentas para facilitar a intervención da Policía Local. Tamén contempla un réxime sancionador con medidas económicas e outras actuacións como o peche temporal de establecementos ou a súa clausura nos casos de maior gravidade.

Desde o PSOE consideran especialmente contraditorio que a norma permaneza sen aprobar cando, segundo lembran, a actual alcaldesa utilizou os problemas vinculados aos locais conflitivos como un dos argumentos das súas críticas ao anterior Goberno. González Abelleira lembra, neste sentido, que Candia chegou a asegurar desde a oposición que determinados establecementos da rúa Tui podían pecharse en 24 horas.

"A situación é especialmente grave porque estamos ante unha norma que Candia necesita hoxe para facer fronte aos problemas que ela mesma prometía solucionar cando estaba na oposición. Pasaron meses desde que chegou ao Goberno e non só non cumpriu aquela promesa, senón que mantén paralizada a ordenanza que permitiría dotar ao Concello de máis instrumentos para actuar", sinalou a edil socialista.

González Abelleira considera que o atraso evidencia, ao seu xuízo, unha diferenza entre o discurso mantido polo PP antes de acceder á Alcaldía e a súa xestión actual. "Na oposición todo parecía fácil: prometía solucións inmediatas, aseguraba que podía actuar en 24 horas e responsabilizaba ao anterior Goberno de non facelo. Agora que ten a responsabilidade de gobernar, descubrimos que aquelas promesas eran simplemente propaganda", afirmou.

Os socialistas defenden que a ordenanza vai máis alá dunha cuestión administrativa e que resulta necesaria para establecer regras que permitan compatibilizar a actividade dos establecementos co dereito ao descanso, á intimidade nos domicilios e á convivencia nos barrios.

Entre as medidas previstas figuran sancións económicas de ata 300.000 euros nos casos máis graves, así como outras medidas non económicas, entre elas o peche temporal ou a clausura dos locais.

A portavoz socialista tamén puxo o foco nas ferramentas previstas para a Policía Local. Segundo explicou, o texto permitiría aos axentes formular denuncias directamente en determinados supostos sen que sexa necesaria previamente unha comprobación acústica mediante instrumentos de medición.

"Isto é precisamente o que necesitamos: seguridade xurídica, procedementos claros e capacidade de actuación. Non anuncios, non promesas e non escusas", afirmou González Abelleira.

O PSOE considera especialmente inxustificado que a norma continúe bloqueada cando, segundo a formación, xa estaba preparada e fora elaborada incorporando as necesidades trasladadas polos diferentes sectores. "Non entendemos que unha norma preparada e consensuada poida permanecer nun caixón durante catro meses", engadiu a concelleira.

González Abelleira reclamou finalmente á alcaldesa que deixe atrás o que considera un uso político dos problemas de convivencia e que poña en marcha a normativa. "A ordenanza está preparada e Lugo precisa dela. Se a alcaldesa realmente quería acabar cos problemas dos locais conflitivos, ten unha ferramenta diante dela. Que a aprobe", concluíu.

0.13300609588623