O PSOE reclama ao Concello de Lugo que desbloquee a declaración do Parque Rosalía de Castro como BIC

LugoXa
Miguel Fernández pide enviar de inmediato á Xunta a documentación técnica xa rematada para avanzar na protección do espazo como Xardín Histórico
Parque-Rosalía-de-Castro-Lugo
2 Sep 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, reclamou ao Goberno de Elena Candia que remita "inmediatamente" á Xunta de Galicia a documentación necesaria para continuar coa declaración do Parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de Xardín Histórico. O socialista denunciou o que considera unha "inexplicable parálise" dun expediente no que o Concello de Lugo leva anos traballando.

Segundo explicou Fernández, o anterior Goberno municipal deixou preparado o expediente despois de contratar un estudo técnico en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. O contrato fixaba un prazo de seis meses para a súa elaboración e os traballos quedaron rematados o pasado mes de maio.

"O traballo técnico está feito, pero a moción de censura bloqueouno. O que falta agora é que o Goberno de Candia cumpra coa súa responsabilidade e presente a documentación ante a Xunta", sinalou o portavoz socialista, que insistiu en que non é necesario iniciar unha nova tramitación, senón continuar o procedemento xa avanzado.

A remisión do estudo ao Goberno autonómico permitiría avanzar formalmente cara á declaración definitiva do parque como BIC e dotar este espazo dun nivel de protección patrimonial acorde co seu valor histórico, paisaxístico e cultural. Fernández considera que non existe xustificación para manter paralizado o expediente.

O socialista tamén vinculou esta situación coa xestión realizada polo anterior Executivo sobre o propio parque. Durante 2026 impulsáronse diferentes actuacións de mantemento e mellora destinadas a recuperar e poñer a punto esta zona verde, ao tempo que se avanzaba na documentación necesaria para a súa futura protección patrimonial.

"Para nós o Parque Rosalía de Castro nunca foi simplemente unha zona verde. É un espazo fundamental do patrimonio e da identidade de Lugo e por iso traballamos para que tivese o recoñecemento e a protección que merece", afirmou Fernández.

Ademais, lembrou que os orzamentos municipais de 2026, aprobados polo anterior Goberno co voto en contra do PP de Candia, incluían novas intervencións no parque, entre elas actuacións nos estanques, na pérgola e no muro perimetral. Segundo denunciou, ningunha destas melloras previstas foi iniciada polo actual Executivo.

Fernández considera que o Concello dispón xa dunha folla de ruta definida, cun estudo técnico rematado e recursos previstos para continuar coa recuperación do parque. Por iso, reclama á alcaldesa que retome o procedemento e envíe á Xunta toda a documentación pendente.

"O Parque Rosalía de Castro debe contar xa coa protección patrimonial que merece. Candia ten diante todo o traballo realizado polo anterior Goberno e só ten que facer o que corresponde: presentar a documentación, continuar o expediente e defender ante a Xunta a declaración definitiva do parque como BIC", concluíu.

0.16794419288635