O PSOE reclama ao goberno local que manteña vivo o proxecto da praia fluvial de Lugo

LugoXa
Jorge Bustos pide ao Executivo municipal que continúe coa tramitación da iniciativa impulsada no anterior mandato e aclare os seus plans de cara ao verán
jorge-bustos-deportes-e-xuventude
26 May 2026

O Grupo Municipal Socialista instará ao goberno local de Lugo a dar continuidade aos avances realizados nos últimos anos para dotar á cidade dunha praia fluvial pública no río Miño. O concelleiro Jorge Bustos defende que o proxecto desenvolvido durante o anterior mandato municipal constitúe unha oportunidade para recuperar a conexión da cidade co seu principal espazo natural e ofrecer á veciñanza unha nova área de lecer accesible e segura.

O edil socialista considera necesario coñecer cales son as intencións do actual Executivo respecto a esta actuación, especialmente ante a proximidade da tempada estival. Neste sentido, solicitará explicacións sobre o estado da tramitación da proposta e preguntará se existe vontade de seguir impulsando a creación dunha zona de baño pública ou, pola contra, se o proxecto quedará paralizado. Tamén reclama información sobre posibles alternativas para garantir un espazo de baño accesible para a cidadanía.

Bustos lembrou que a iniciativa promovida polo anterior goberno municipal contemplaba a creación de diferentes áreas vinculadas ao uso recreativo do río Miño. Entre elas figuraban a zona dos Robles, un sector central no parque das Saamasas habilitado para o baño e outra área situada nas proximidades da rehabilitada Fábrica da Luz. Segundo explica, o obxectivo era compatibilizar o desfrute público do río coa conservación ambiental da contorna.

O representante socialista advertiu ademais de que as recentes restricións aplicadas a distintas zonas fluviais de Galicia non deberían servir, ao seu xuízo, para abandonar o traballo xa realizado. Nese sentido, destaca que nas proximidades do emprazamento proposto existe unha zona autorizada para o baño cunha valoración excelente da calidade da auga, circunstancia que considera un argumento favorable para continuar avanzando na procura das autorizacións necesarias.

Bustos tamén puxo en valor a tradición da zona dos Robles como lugar habitual de baño para varias xeracións de lucenses e defendeu que reúne condicións adecuadas para converterse nun espazo público estable destinado a este uso.

Así mesmo, lembrou que os estudos previos incluían a posibilidade de colaboración coa Deputación de Lugo para mellorar e ampliar a zona de pantalán empregada pola escola de piragüismo. Segundo explicou, esta alternativa permitiría adaptar novas infraestruturas ás xa existentes minimizando o impacto ambiental e facilitando o cumprimento dos requisitos técnicos esixidos polas administracións competentes.

 

0.14423584938049