O PSOE reclama ao Goberno local un calendario concreto para retomar as obras da rúa Milagrosa

LugoXa
Os socialistas levarán a cuestión á Comisión de Infraestruturas e pedirán explicacións sobre os prazos, as garantías de execución e as medidas para minimizar o impacto na veciñanza e no comercio
obras-peonalización-A-Milagrosa
15 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno local que concrete cando se retomarán as obras da Rúa Milagrosa, cal será o novo calendario de execución e que garantías ofrece para asegurar que unha actuación que considera clave para a veciñanza e para a actividade comercial do barrio poida concluír sen novos atrasos.

Co obxectivo de obter estas explicacións, os socialistas trasladarán estas cuestións á próxima Comisión de Infraestruturas, na que solicitarán ao Executivo local que detalle o alcance da modificación anunciada para este proxecto.

A concelleira Ana González Abelleira criticou a falta de concreción coa que, ao seu xuízo, o Goberno de Elena Candia está a xestionar esta actuación. "Pasamos das promesas de solución inmediata aos anuncios sen datas concretas. Dous meses despois de acceder ao Goberno seguimos sen saber cando se retomarán realmente as obras nin cando poderá quedar rematada unha actuación tan importante para a Milagrosa. Gobernar tamén é ofrecer certezas", afirmou.

Na Comisión, o PSOE preguntará pola data prevista para aprobar o proxecto modificado, cando se prevé reiniciar efectivamente as obras e cal será o novo prazo de execución. Tamén solicitará información sobre as garantías existentes para evitar novos bloqueos que poidan atrasar novamente a actuación.

Ademais, os socialistas pedirán explicacións sobre as medidas que o Goberno municipal ten previsto adoptar para reducir o impacto que a paralización das obras continúa provocando tanto na veciñanza como nos establecementos comerciais da contorna, que levan meses convivindo coas consecuencias dunha intervención aínda sen rematar.

Ana González Abelleira asegurou que o labor da oposición é trasladar as dúbidas da cidadanía e sinalou que, se o Executivo afirma que existe unha solución para a Rúa Milagrosa, debe explicala con transparencia, establecer un calendario claro e ofrecer garantías de que as obras poderán concluír sen máis demoras.

A edil socialista concluíu lembrando que a reforma da Rúa Milagrosa constitúe unha actuación estratéxica para un dos principais eixos comerciais da cidade e insistiu en que a veciñanza necesita respostas claras, compromisos concretos e un calendario que permita coñecer cando recuperará a normalidade.

0.14198303222656