O PSOE reclama unha nova residencia pública de maiores en Lugo ante a falta de prazas na cidade

O Grupo Municipal Socialista reclamará formalmente ao Goberno de Elena Candia que defenda ante a Xunta de Galicia a construción e posta en funcionamento dunha nova residencia pública de maiores en Lugo. O portavoz socialista, Miguel Fernández, trasladará esta demanda ao Concello a través dunha iniciativa na que pedirá tanto ao Executivo municipal como á Administración autonómica que impulsen unha infraestrutura de titularidade pública dimensionada para as necesidades actuais e futuras da cidade.
Fernández sinalou que Lugo conta actualmente con dúas residencias públicas, as das Gándaras e da Milagrosa, que suman arredor de 272 prazas. Para o socialista, esta capacidade resulta insuficiente para unha cidade que supera os 100.000 habitantes e que, ademais, afronta un progresivo envellecemento da súa poboación.
"Lugo precisa máis prazas públicas para os seus maiores. Non podemos seguir conformándonos cunha rede claramente insuficiente nin aceptar que a atención residencial dependa exclusivamente da capacidade económica de cada familia", afirmou.
O portavoz socialista tamén advertiu de que a evolución demográfica fai necesario planificar os servizos sociais con perspectiva de medio e longo prazo. Segundo Fernández, a Xunta leva máis de 16 anos sen crear novas prazas públicas no municipio, unha situación que considera un agravio comparativo con respecto a outros territorios de Galicia.
"Non se trata só de responder ás necesidades de hoxe. Temos que anticiparnos ás necesidades das próximas décadas e garantir que as persoas maiores de Lugo dispoñan dunha alternativa pública, digna, accesible e de calidade", explicou.
Críticas ao proxecto residencial privado de Recatelo
A iniciativa chega tamén acompañada de críticas ao Goberno de Elena Candia pola presentación como logro municipal da concesión dunha licenza urbanística para construír unha residencia privada no barrio de Recatelo.
Fernández asegurou que calquera investimento que implique actividade económica, emprego ou novos servizos é positivo, pero diferenciou esta actuación da creación de prazas públicas. "Unha licenza urbanística concedida cando existen todos os informes favorables é un trámite administrativo regrado, non unha decisión política nin unha conquista deste Goberno", afirmou.
O portavoz socialista defendeu que a existencia de residencias privadas non pode substituír o desenvolvemento dunha rede pública suficiente. "As residencias privadas son unha opción para quen queira e poida pagalas. Pero non poden substituír a responsabilidade da Xunta de Galicia de garantir unha rede pública suficiente", subliñou.
Neste sentido, lembrou que, segundo establece a Lei 13/2008, de Servizos Sociais de Galicia, a competencia en materia de residencias públicas de maiores corresponde á Xunta. Por iso, considera que a alcaldesa de Lugo ten unha responsabilidade especial á hora de trasladar esta demanda á Administración autonómica, ao pertencer ao mesmo partido que goberna Galicia.
"Ten unha oportunidade e tamén unha responsabilidade: reclamar ao seu propio Goberno autonómico que constrúa unha nova residencia pública na cidade", indicou Fernández.
O socialista cuestionou ademais que o Goberno local non estea, ao seu xuízo, exercendo unha defensa suficiente desta reivindicación ante a Xunta. "É máis cómodo cortar unha cinta nun proxecto privado que esixirlle á Xunta un investimento público. Pero unha alcaldesa non está para escoller o camiño máis cómodo, senón para defender as necesidades da cidadanía", denunciou.
Unha nova residencia e máis servizos para maiores
A proposta do PSOE inclúe que a Xunta proxecte, constrúa e poña en funcionamento unha nova residencia pública dimensionada para a realidade demográfica de Lugo. Ademais, reclama que o Concello realice unha defensa formal e pública desta demanda ante a Presidencia da Xunta, a Consellería de Política Social e os grupos políticos do Parlamento de Galicia.
Fernández considera que a planificación das políticas de maiores debe ir máis alá das prazas residenciais e combinar diferentes recursos, entre eles centros de día, atención domiciliaria e equipamentos de proximidade.
"Lugo non pode seguir á cola en prazas públicas de residencia. Necesitamos planificación, investimento e compromiso institucional", afirmou o portavoz socialista, que reclamou tamén que a atención ás persoas maiores se aborde desde unha perspectiva global.
"O que está en xogo é o dereito das persoas maiores a vivir con dignidade e o dereito das familias a contar con alternativas públicas. Lugo merece máis prazas públicas, máis servizos e unha alcaldesa que defenda a cidade diante da Xunta. Iso é o que imos esixir formalmente", concluíu.