O Pupitre: Ningún neno debería ter medo de ir á escola

Recentemente, publicouse a Guía para o deseño de protocolos de acoso escolar e ciberacoso, impulsada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, un documento que volve poñer enriba da mesa un problema que nos debe preocupar e ocupar a todos os que formamos parte da comunidade educativa.
Falar de acoso escolar non é falar simplemente de protocolos, estatísticas ou expedientes. É falar de rapaces e rapazas que poden chegar a vivir con verdadeiro pánico algo tan cotián como acudir cada mañá ao seu centro educativo.
Poucas cousas poden resultar máis terribles que pensar nun neno que se ergue sabendo que ten que volver ao lugar no que o insultan, o humillan, o apartan ou se rin del; que chega ao recreo temendo quedar outra vez só ou que mira continuamente o seu teléfono esperando unha nova mensaxe, unha fotografía ou unha burla.
A escola debe ser precisamente todo o contrario: un lugar seguro para aprender, convivir, relacionarse, facer amigos e medrar como persoa. Porque dificilmente pode aprender un alumno que sente medo.
A nova guía insiste na prevención, na detección temperá, na protección e na necesidade dunha actuación rápida ante posibles situacións de acoso. Nada que obxectar. Os protocolos son necesarios e os centros deben saber con claridade como actuar, pero debemos evitar caer unha vez máis na tentación de pensar que todos os problemas do noso sistema educativo se solucionan cun novo protocolo, máis documentos e máis burocracia.
Xa teño manifestado en máis dunha ocasión neste Pupitre a miña preocupación pola excesiva burocratización do ensino. Neste caso aínda me parece máis importante. Un protocolo contra o acoso debe ser claro, sinxelo, áxil e, sobre todo, efectivo. Debe servir para que un docente ou un equipo directivo saiba que facer desde o primeiro momento e non para engadir unha nova carreira de obstáculos administrativos.
Porque mentres nós cubrimos papeis pode haber un alumno esperando unha resposta.
E para min hai unha cuestión fundamental: a formación do profesorado. De pouco serve ter o mellor protocolo se quen ten que detectar unha posible situación de acoso non dispón das ferramentas necesarias para facelo.
Os docentes, pasan moitas horas cos seus alumnos e son, xunto coas familias, os que poden observar os primeiros cambios. Ese rapaz que comeza a quedar só, que deixa de participar, que baixa inesperadamente o seu rendemento, que falta cada vez máis ou que busca escusas para non acudir ao centro. Evidentemente, non todo cambio de comportamento significa que exista acoso, pero debemos estar preparados para detectar os sinais de alerta e saber como actuar.
E formar non consiste en enviar aos centros unha circular cunha ligazón a un protocolo. O profesorado necesita formación práctica para diferenciar un conflito puntual dunha posible situación de acoso, saber como falar coa vítima, como actuar co grupo, como relacionarse coas familias e tamén como afrontar unha realidade cada vez máis complexa como é o ciberacoso.
Porque o acoso xa non remata necesariamente cando o alumno sae pola porta do centro. As redes sociais e os teléfonos móbiles conseguiron que unha burla, unha fotografía ou unha humillación poidan acompañar á vítima as vinte e catro horas do día. O que antes podían presenciar uns poucos compañeiros pode chegar hoxe a centos de persoas en cuestión de minutos.
Temos que educar tamén aí. Detrás dunha pantalla hai unha persoa e compartir unha fotografía humillante, participar nun grupo creado para ridiculizar a un compañeiro ou simplemente contribuír a estender unha burla tamén ten consecuencias.
Pero non podemos cargar unha vez máis toda a responsabilidade sobre os centros e o profesorado. A Administración educativa ten que implicarse, acompañar e dar solucións. Non chega con elaborar normas e protocolos para posteriormente trasladar toda a responsabilidade aos centros. Estes necesitan asesoramento, departamentos de orientación suficientemente dotados, coordinadores de benestar con tempo para desenvolver as súas funcións, formación e recursos.
Nos casos máis graves debe existir, ademais, unha coordinación constante e eficaz coa Fiscalía de Menores e cos servizos especializados competentes. Hai situacións que poden superar claramente o ámbito educativo e, cando isto ocorre, un equipo directivo non pode sentirse só nin ter dúbidas sobre onde acudir. A protección do menor debe estar sempre por diante da burocracia e das discusións sobre quen ten que facer cada cousa.
Tamén quero deixar claro algo que considero importante. Os centros educativos de Galicia son, en xeral, un exemplo de convivencia. Miles de alumnos e alumnas conviven diariamente con absoluta normalidade nas nosas aulas e detrás desa realidade hai un enorme traballo dos docentes, dos equipos directivos, dos departamentos de orientación e das familias.
Non debemos transmitir a idea de que o acoso é a realidade habitual dos nosos centros porque non sería certo nin xusto.
Pero tampouco podemos caer na compracencia.
Que teñamos unha boa convivencia non significa que debamos baixar a garda. Todo o contrario. Temos que estar vixiantes, detectar canto antes calquera sinal e actuar con rapidez cando apareza. Un só alumno que sufra en silencio durante semanas ou meses xa debe preocuparnos.
Fronte ao acoso necesitamos protocolos claros e efectivos, profesorado formado, familias implicadas, recursos suficientes e unha Administración que responda e acompañe. Necesitamos tamén traballar co grupo, porque nunha situación de acoso non están unicamente quen agrede e quen sofre. Está quen mira, quen ri, quen comparte e quen cala, pero tamén pode estar ese compañeiro que decide dicir basta, que se senta ao lado de quen quedou só ou que se achega a un profesor para dicirlle que algo está pasando.
Iso tamén é educar.
Ao final, quizais deberiamos deixar por un momento a un lado tantos formularios, estatísticas e informes e facernos unha pregunta moito máis sinxela: conseguimos que ese rapaz deixe de ter medo?
Se volve entrar tranquilo pola porta do seu centro, se recupera a relación cos seus compañeiros, se deixa de mirar o móbil con temor e se volve sentirse seguro, estaremos no bo camiño.
Os protocolos son necesarios, a formación do profesorado imprescindible, a implicación da Administración fundamental e a coordinación entre todos os que temos responsabilidade na protección dos menores, obrigatoria.
Pero non esquezamos nunca o verdadeiramente importante : Detrás de cada protocolo hai un rapaz ou unha rapaza e ningún neno debería ter que ser valente para ir á escola.