O rural de Lugo segue sen desbrozar ás portas de xullo, segundo denuncia a Federación Lucus Augusti

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti denunciou o estado de abandono que, segundo asegura, presentan numerosas parroquias do municipio debido á falta de labores de desbroce nas pistas de titularidade municipal. A entidade realizou un estudo detallado en diferentes puntos do rural co obxectivo de avaliar a situación das vías e o nivel de execución dos traballos previstos para a época estival.
Segundo os resultados obtidos pola federación, a situación actual resulta preocupante. A poucos días da chegada do mes de xullo, aseguran que a práctica totalidade do rural lucense continúa sen desbrozar, unha realidade que, segundo indican, difire claramente da doutros anos, cando unha parte importante das parroquias xa estaban limpas e acondicionadas nestas mesmas datas.
A organización sinala que a vexetación medrou de maneira descontrolada e xa invade numerosas estradas, reducindo a visibilidade, dificultando a circulación dos vehículos e xerando riscos para os peóns. Ademais, advirten de que as altas temperaturas e o estado seco da maleza incrementan considerablemente o risco de incendios, poñendo en perigo tanto ás persoas como ao medio natural.
Desde a Federación lembran tamén que no rural do Concello de Lugo residen preto de 10.000 habitantes e consideran que a situación actual evidencia un abandono das parroquias por parte do Goberno municipal. Sosteñen que o mantemento das pistas municipais constitúe unha responsabilidade directa do Concello e que a falta destas actuacións supón un prexuízo importante para a veciñanza.
Ante esta situación, a entidade reclama unha actuación inmediata para levar a cabo o desbroce das pistas municipais das parroquias, retirar a maleza acumulada e garantir tanto a seguridade viaria como as medidas de prevención fronte aos incendios.
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti asegura que continuará realizando un seguimento da situación e afirma que manterá as denuncias públicas ata que o Concello cumpra coas súas responsabilidades e garanta un trato digno ás persoas que viven no rural.