O Salón de Actos da Deputación de Lugo acolle a proxección da longametraxe documental ‘ 360 Curvas’

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá este luns 4 de maio, ás 20.00 horas, dunha proxección-coloquio da longametraxe documental ‘360 Curvas’, unha obra que recupera as mobilizacións veciñais da Fonsagrada contra os recortes de servizos no rural durante a década dos noventa.
O filme, recoñecido co Premio Mestre Mateo ao mellor documental, contará coa presenza do seu director, Alejandro Gándara, así como de Manuel Lucas e Adrián Méndez, integrantes do equipo de realización e produción. Tras a proxección, abrirase un coloquio no que o público poderá formular preguntas e compartir impresións sobre a obra.
Esta iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, terá continuidade ao longo da semana con novas sesións en distintos concellos da provincia. Así, o documental poderá verse en Meira o xoves 7 ás 21.20 horas, na Fonsagrada o mesmo día ás 13.10 horas, en Vilalba o venres 8 ás 12.00 horas e en Guitiriz tamén o venres ás 19.30 horas.