O San Froilán 2026 celebrarase do 4 ao 12 de outubro e manterá os prezos das casetas

O Goberno local celebrou a Comisión de Festas do San Froilán, na que trasladou a súa intención de impulsar un modelo máis aberto, participativo e accesible para a principal celebración da cidade. O Executivo municipal asegurou que traballa para que as festas sigan medrando sen perder a súa esencia e para que todos os lucenses sintan o San Froilán como unha celebración propia.
As festas do San Froilán desenvolveranse do 4 ao 12 de outubro, mentres que o recinto feiral abrirá as súas portas o 26 de setembro e permanecerá en funcionamento ata a finalización dos festexos.
Un dos primeiros acordos adoptados pola Comisión foi manter os prezos do polbo, os cachelos, o pan e o viño nas casetas. A proposta partiu do Goberno municipal, que defendeu a necesidade de garantir un San Froilán accesible para a cidadanía, evitando unha nova subida dos prezos tras o incremento aplicado na edición anterior.
Durante a reunión tamén se deu conta do estado da planificación da festa. Segundo informou o Servizo de Cultura, xa están en proceso de licitación os contratos relacionados cos escenarios, o son e a iluminación, os medios auxiliares, os servizos de loxística, as carpas, a iluminación ornamental e a maquetación e impresión do programa oficial. Outros expedientes continuarán a súa tramitación nas próximas semanas ou seguen vixentes por tratarse de contratos plurianuais.
Outra das novidades será a recuperación do concurso aberto para escoller o cartel anunciador do San Froilán. O Goberno considera que este sistema permitirá reforzar a transparencia, a igualdade de oportunidades e a participación das persoas creadoras, garantindo que a proposta gañadora sexa seleccionada unicamente pola súa calidade e polos criterios técnicos establecidos polo xurado.
A Comisión abordou ademais diferentes propostas relacionadas coa programación e cos aspectos sociais das festas. Neste sentido, o Executivo municipal expresou a súa vontade de seguir facilitando o acceso ás atraccións do recinto feiral a entidades que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade, mantendo a colaboración desenvolvida nos últimos anos.
O Goberno local tamén destacou que continuará reforzando aqueles elementos que forman parte da identidade do San Froilán, como a música, a animación de rúa, a gastronomía, a cultura popular, os espectáculos e as tradicións que converteron esta celebración nun referente festivo dentro e fóra de Lugo.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, afirmou que o obxectivo é que “cada lucense sinta que o San Froilán tamén é seu”, apostando por conservar os sinais de identidade da festa ao tempo que se abren novas oportunidades para participar e achegar talento á celebración.
REACCIÓN DO BNG
A concelleira do BNG Maite Ferreiro cualificou como “caótica e decepcionante” a primeira reunión da Comisión de Festas do San Froilán, celebrada na tarde de onte. A edil nacionalista anunciou que a súa formación solicitará ao Goberno local a gravación das futuras sesións deste órgano para garantir, segundo indicou, unha maior transparencia e evitar situacións semellantes ás vividas durante o encontro.
Ferreiro, que participou na reunión xunto coa tamén concelleira do BNG Cristina López, criticou o desenvolvemento da sesión e denunciou o que definiu como unha actitude “irrespectuosa” por parte da concelleira non adscrita, así como supostos “intentos de manipulación” por parte da presidencia da comisión. Segundo explicou, a reunión estivo marcada por momentos “desagradables”, con malas formas e insultos. A nacionalista asegurou que o BNG non permitirá que se lle atribúan expresións que non pronunciou nin que se produzan faltas de respecto cara aos seus representantes.
A edil sinalou que a formación nacionalista acudiu ao encontro coa intención de colaborar na organización das festas e de contribuír de forma construtiva á elaboración da programación. Con todo, lamentou atoparse cunha reunión na que, ao seu xuízo, o Goberno municipal non presentou propostas concretas para o desenvolvemento do San Froilán. Ferreiro considerou que o executivo local chega ao mes de agosto cun importante atraso na planificación dunha programación que, segundo indicou, debería estar xa moi avanzada.
Durante a xuntanza, o BNG trasladou máis de vinte propostas para incorporar ás festas patronais de Lugo. Entre os seus obxectivos figura garantir a presenza de agrupacións musicais lucenses e reforzar unha programación ampla, diversa e gratuíta, que permita o acceso da cidadanía á cultura e que inclúa actividades para todos os públicos.
Entre as iniciativas presentadas, a formación nacionalista aposta por recuperar espazos dedicados a distintos estilos musicais, como o espazo de hip hop, os festivais organizados por Cántigas e Frores e pola Asociación de Gaiteiras Galegas, así como o Electronic Music Fest. Tamén defende a continuidade da Feira Medieval e dun San Froilán Miúdo cunha programación infantil ampla e de calidade.
Ademais, o BNG propón manter actividades xa consolidadas dentro das festas, como a Letra das Festas, os pasarrúas nos barrios ou a Feira de Olería Lugo Tradicional, iniciativas que, segundo destacou Ferreiro, forman parte da identidade e da historia do San Froilán.