O Sindicato Labrego alerta do aumento dos ataques de xabarís a pastos e cultivos na montaña lucense

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) advertiu do incremento continuado dos danos provocados polo xabaril en explotacións agrarias de distintos municipios da montaña lucense. A organización asegura que nos últimos meses vén constatando, a través das granxas afiliadas, un aumento significativo dos ataques sobre pastos e cultivos en concellos como Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Navia de Suarna, Cervantes e Folgoso do Courel.
Segundo explica o sindicato, a situación agravouse progresivamente nos últimos anos debido ao aumento da poboación de xabarís e á redución da Superficie Agraria Útil, o que provoca que as explotacións que continúan activas sufran unha presión cada vez maior sobre os seus terreos.
As persoas gandeiras denuncian importantes perdas económicas derivadas dos danos causados nos pastos destinados á produción de forraxe para o inverno. En moitos casos, os terreos quedan completamente removidos polos animais salvaxes, facendo inviábel o seu aproveitamento durante toda unha campaña e obrigando ás explotacións a renovar os prados afectados.
O Sindicato Labrego tamén sinala que na comarca se está detectando unha maior presenza doutras especies salvaxes, como o corzo, que utilizan igualmente estes espazos de pastoreo, incrementando a presión sobre as explotacións agrarias.
Ademais do impacto económico, a preocupación entre o sector vai máis alá dos danos materiais. As granxas alertan da convivencia diaria entre a fauna salvaxe e o gando vacún, unha situación que esperta temor ante a posibilidade de transmisión de enfermidades.
Neste contexto, o SLG reclama á Consellería de Medio Ambiente información detallada sobre o estado sanitario das especies salvaxes presentes na zona, así como protocolos claros de control e seguimento sanitario que permitan minimizar riscos para as explotacións gandeiras.
A organización agraria tamén demanda un reforzo das axudas destinadas ás medidas preventivas fronte aos ataques da fauna salvaxe. En concreto, solicita un aumento das partidas para peches e sistemas de protección, incluíndo expresamente os danos ocasionados polo xabaril co obxectivo de reducir tanto os ataques aos pastos como o contacto entre animais salvaxes e gando doméstico.
Outro dos aspectos que máis preocupa ao sindicato é a situación das explotacións extensivas de porco, especialmente as dedicadas ao porco celta. O SLG considera fundamental que este tipo de granxas sexan tidas en conta nas políticas de prevención e nas liñas de apoio público, debido ao risco sanitario que pode supoñer a proximidade da fauna salvaxe.
O sindicato insiste en que a problemática require unha resposta coordinada das administracións para garantir a viabilidade das explotacións e preservar a actividade agraria nunha das zonas rurais máis sensibles da provincia.