O Sindicato Labrego Galego analiza novas vías para a transformación e venda directa de carne

LugoXa
O Cádavo acolle unha xornada gratuíta para coñecer experiencias de ganderías da provincia e iniciativas colectivas como o centro Belardi, en Bizkaia
matadoiro-baleira
30 Oct 2026

O Cádavo, en Baleira, acollerá este venres, 30 de outubro, unha xornada sobre transformación cárnica co obxectivo de analizar as posibilidades de impulsar un centro deste tipo e explorar novas fórmulas de comercialización directa da carne. A iniciativa está organizada polo Sindicato Labrego Galego coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O encontro permitirá coñecer experiencias de venda directa desenvolvidas por ganderías da provincia, así como modelos colectivos que buscan reforzar a autonomía das explotacións na elaboración e comercialización dos seus produtos. Entre os exemplos que se abordarán destaca o centro de transformación cárnica Belardi, situado en Urduña, en Bizkaia, promovido por gandeiros e gandeiras da zona para procesar e vender directamente a carne que antes destinaban a cebadeiros intensivos.

A actividade terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Baleira, cun programa dividido en sesións de mañá e tarde. A participación será aberta e gratuíta.

A xornada comezará ás 9:30 horas coa recepción das persoas participantes e continuará ás 10:00 horas coa inauguración oficial. De 10:30 a 11:30 horas, María Osorio, de Vianesas de Acolá, presentará a súa experiencia na venda directa de carne. Tras unha pausa para o café, ás 12:00 horas abordaranse os aspectos técnico-económicos da venda directa conxunta, nunha sesión a cargo da Fundación Entretantos.

A programación continuará ás 13:00 horas coa presentación doutras experiencias de comercialización directa, centrada no centro de transformación cárnica Belardi, en Urduña. Despois do xantar, previsto entre as 14:30 e as 16:00 horas, a sesión da tarde estará dedicada a unha dinámica de grupo que se prolongará ata as 18:00 horas.

0.15432405471802