O Sindicato Labrego Galego esixe a restitución dos dereitos de Villares e das maxistradas apartadas

GaliciaXa | LugoXa
A organización denuncia presións sobre a xustiza e critica cambios legais que favorecen grandes proxectos industriais no rural
Luis-Villares
24 Apr 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCL) reclamou a restitución dos dereitos do maxistrado Luis Villares e do resto de xuízas e xuíces que foron apartados das súas funcións na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun contexto que consideran marcado por actuacións da Xunta destinadas a facilitar o avance de grandes proxectos empresariais.

A organización agraria sinala que a finais de marzo se coñeceu a decisión da nova presidencia da Sala de trasladar a varios membros da Sección encargada de resolver procedementos relacionados con autorizacións administrativas de parques eólicos, así como coas suspensións cautelares das súas obras e cuestións de contratación pública. Entre as persoas afectadas atópase Luis Villares, quen xa presentou recurso ante o Consello Xeral do Poder Xudicial tras ser apartado.

Dende o SLG-CCL trasladan o seu apoio ao maxistrado e ao resto de profesionais afectados, ao tempo que alertan do que consideran un ataque á independencia xudicial. Na súa análise, vinculan esta situación cunha estratexia máis ampla que, segundo indican, leva anos desenvolvéndose a través de modificacións lexislativas orientadas a reducir controis e garantías ambientais.

Neste sentido, apuntan a diversas normas aprobadas nos últimos anos, como a Lei 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa ou a Lei 2/2024 de promoción dos beneficios sociais e económicos. Segundo o sindicato, estas reformas, xunto con outros instrumentos como o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, contribuíron a acurtar prazos de exposición pública, flexibilizar requisitos e facilitar procesos como a expropiación de terras ou a consideración de utilidade pública dos proxectos industriais.

O colectivo agrario advirte de que estas medidas derivan nunha menor protección das zonas rurais, permitindo a fragmentación de proxectos, debilitando as avaliacións de impacto ambiental e outorgando prioridade ás iniciativas industriais fronte aos usos tradicionais da terra e da auga. Tamén critican as campañas de promoción destas empresas, que inclúen accións en centros educativos e medios de comunicación.

Ademais, lembran a creación da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia S.L., unha entidade público-privada que foi disolta catro anos despois da súa posta en marcha, e denuncian a posterior incorporación de antigos cargos públicos a consellos de administración de grandes compañías do sector.

No que respecta ao caso concreto de Villares, o sindicato asegura que o maxistrado foi obxecto de presións e intentos de desprestixio ao longo dos últimos anos. Como exemplo, citan a recusación presentada durante a tramitación do parque eólico Campelo, promovido por Greenalia, que foi finalmente rexeitada pola Sala. Tamén lembran que o propio presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia saíu en varias ocasións en defensa dos maxistrados afectados por críticas públicas.

Para o SLG-CCL, o traslado forzoso de Villares e doutras xuízas, como María Dolores López, supón un feito sen precedentes que, de consolidarse, podería afectar ao conxunto do sistema de garantías xudiciais. Por este motivo, reiteran a súa esixencia de que se restitúan os dereitos das persoas afectadas e se revierta a súa situación.

0.11813402175903