O Sindicato Labrego Galego reúne en Portomarín o Congreso do Vacún de Carne para analizar a crise do sector

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará este sábado, 25 de abril, o Congreso do Sector do Vacún de Carne en Portomarín, nun encontro no que se abordará a situación actual dun dos piares da gandería galega e se marcarán as liñas de actuación para os vindeiros catro anos, ademais de renovar a dirección sectorial da organización.
A xornada terá lugar a partir das 11.00 horas na Casa da Cultura de Portomarín e servirá para facer unha diagnose do momento que atravesa o sector, que segundo o sindicato está marcado por unha incerteza continuada derivada das políticas actuais e pola falta de respostas aos problemas estruturais que afectan a máis de 15.000 explotacións de carne en Galicia, especialmente nas zonas de montaña de Lugo e Ourense.
Desde o SLG apuntan que nos últimos anos o sector viviu unha etapa complexa, condicionada pola pandemia, pola volatilidade dos prezos e polas mobilizacións do sector. O actual responsábel do Sector da Carne, Samuel Formoso, destaca que o traballo desenvolvido nos órganos de representación serviu para exercer un contrapunto fronte ás decisións da industria e da distribución, especialmente en cuestións como o acortellamento dos xatos ou a posible incorporación de razas foráneas ás indicacións xeográficas protexidas.
O sindicato tamén lembra que denunciou a exclusión de pequenas explotacións das axudas durante a crise da COVID-19, así como a insuficiencia destas medidas, que deixaron fóra a máis da metade das granxas do sector. Ademais, sinalan a crecente preocupación pola sanidade animal, cun incremento de enfermidades como a EHE, a lingua azul ou a dermatose nodular, que elevan os custos de produción.
No análise da situación actual, o SLG alerta da falta de capacidade de negociación dos prezos por parte das explotacións e da ausencia de desenvolvemento efectivo da Lei da cadea alimentaria, o que impide garantir ingresos xustos. Tamén critican a escasa aposta por canles alternativas de comercialización, como a venda directa ou a creación dunha rede comarcal de matadoiros, así como a dependencia das grandes industrias para a fixación de prezos.
Outro dos aspectos sinalados é a perda de superficie agraria útil, que incrementa a dependencia de insumos externos e encarece a produción, nun contexto marcado pola inestabilidade internacional. O sindicato tamén denuncia unha tendencia á concentración da produción en menos mans, o que podería agravar o despoboamento do rural galego, un proceso que xa afecta a outros sectores como o leiteiro.
Neste contexto, o Congreso de Portomarín servirá para reforzar a posición do sindicato en defensa dun modelo de gandería baseado nas explotacións familiares, que consideran clave para manter vivo o medio rural e a súa actividade económica e social.