O Torneo Dez Portas de Tenis de Mesa celebrará a súa XV edición o 5 de setembro

O Club Dez Portas celebrará o vindeiro 5 de setembro a XV edición do Torneo Dez Portas Concello de Lugo de Tenis de Mesa - II Memorial Boni, unha cita que este ano terá un significado especial ao coincidir coa conmemoración do 20 aniversario da entidade.
A competición disputarase nas instalacións da Pista de Tenis Cuberta de Frigsa, situada na rúa Monte Faro, xunto ao pavillón de tenis de mesa, e dará comezo ás 09:30 horas, prolongándose ata a finalización de todas as probas programadas.
O torneo contará con dúas categorías: Infantil Mixta, destinada aos nacidos a partir do ano 2011, e Absoluta, aberta a xogadores de todas as idades. En ambas as dúas competicións disputarase unha primeira fase de grupos e, posteriormente, os participantes dividiranse nos cadros Open A e Open B, que se resolverán mediante eliminatorias.
A inscrición será gratuíta para a categoría infantil, mentres que na proba absoluta terá un custo de 10 euros. Ademais, o Open A absoluto repartirá premios en metálico para os tres primeiros clasificados, con 200 euros para o campión, 100 euros para o subcampión e 50 euros para o terceiro posto.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 28 de agosto.