O Vello Cárcere acolle a presentación do libro 'Syra Alonso, Diarios (1938-1945)'

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), en colaboración co Club Cultural Valle-Inclán, celebrará en Lugo a presentación do libro Syra Alonso, Diarios (1938-1945), unha obra editada por Alvarellos Editora que recupera os escritos dunha testemuña marcada pola represión franquista e polo exilio interior da súa época.
A presentación terá lugar o martes, 28 de abril, no Vello Cárcere, a partir das 19:30 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar capacidade.
O volume conta cunha tradución realizada por Anxos Sumai García e coa colaboración de Carme Vidal e Conrado J. Arranz, nun traballo que permite achegar ao público actual os diarios dunha autora cunha vida profundamente vencellada á memoria democrática galega.
Syra Alonso foi a viúva do pintor coruñés Francisco Miguel, que foi paseado e asasinado en setembro de 1936 nos primeiros meses da represión tras o golpe de Estado. A publicación destes diarios supón unha nova achega ao coñecemento das vivencias persoais e colectivas dun período especialmente tráxico da historia recente.
No acto participarán a escritora Marica Campo, a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Tonina Gay, a representante da ARMH María Valcárcel e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.