O Vello Cárcere acolle en maio a exposición “Me sube la bilirrubina (e outras cousas)” de Helena Ayape

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a chegada dunha nova exposición ao Centro Cultural O Vello Cárcere, que poderá visitarse ao longo de todo o mes de maio. A proposta artística, asinada pola pintora Helena Ayape, está instalada nas celas de homes situadas na planta baixa do espazo.
Baixo o título “Me sube la bilirrubina (e outras cousas)”, a mostra afonda na estética dos alimentos considerados prohibidos, convertendo o exceso e a restrición nunha experiencia visual suxestiva. O conxunto está composto por 16 pezas de pequeno formato, con dimensións que oscilan entre os 10x18 e os 30x40 centímetros, elaboradas mediante técnicas de óleo e acuarela, distribuídas nas distintas celas segundo o procedemento empregado.
O proxecto artístico, iniciado no 2024, continúa en proceso de desenvolvemento, incorporando novas propostas vinculadas ao ámbito gastronómico. A través desta serie, a creadora pretende ofrecer unha reflexión arredor da relación que se establece entre o goce e o coidado da saúde.
“Non se trata só de pintar comida, senón de retratar a relación conflitiva que temos co pracer e a saúde”, sinala Helena Ayape. O formato reducido das obras convida ao público a achegarse a cada peza, xerando unha sensación de proximidade que roza o íntimo fronte a elementos cotiáns que, ao mesmo tempo, poden resultar prexudiciais.