O Vello Cárcere acollerá a presentación da nova novela de Arantza Portabales o 19 de xuño

O Vello Cárcere de Lugo acollerá o venres 19 de xuño, ás 19:00 horas, a presentación da nova obra de Arantza Portabales, titulada “Asasinato no muíño do cura”. No acto participará tamén a escritora Irene Rega Jul, que acompañará á autora durante a presentación.
A nova novela supón o regreso da autora ao universo narrativo de *“Asasinato na Casa Rosa”*, recuperando aos personaxes da detective Iria Santaclara e do comisario xubilado César Araujo. A trama sitúase de novo en Loeiro, onde no ano 1984 se produce unha matanza no muíño do Cura, un suceso cuxas consecuencias chegan ata o presente.
Na actualidade, a historia continúa cando Alba Mariño chega á vila na procura de respostas sobre un pasado que descoñece, mais que marcou profundamente a súa vida. A investigación levaraa a destapar antigos segredos xunto a Santaclara e Araujo, coa colaboración de Sinda, coñecida como “a Gestapo”.
Ao longo da narración tamén cobran relevancia as irmás Freijomil e a vella investigación sen resolver sobre a morte da súa sobriña Berta, acontecida cando era nena, configurando así un misterio marcado pola violencia e os segredos familiares.