O Vello Cárcere de Lugo expón 35 interpretacións gráficas da obra de Rosalía de Castro

O primeiro andar do Bloque de Mulleres do Vello Cárcere de Lugo acolle a exposición "Rosalía Ilustrada", unha proposta que reúne 35 obras orixinais de ilustradores e ilustradoras galegos a partir de textos de Rosalía de Castro.
As pezas ofrecen diferentes interpretacións gráficas da obra da escritora galega, achegando distintas visións artísticas sobre os seus textos. A exposición recupera así un proxecto iniciado no ano 2004, ao que nesta nova edición se incorporan dez novos autores e autoras.
"Rosalía Ilustrada" permanecerá no Vello Cárcere ata o 22 de outubro e poderá visitarse durante este período no espazo expositivo do Bloque de Mulleres.
A inauguración contou coa presenza do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e do concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego.