O Xacobeo Basket Total chega a Lugo, A Fonsagrada, Guntín e Palas de Rei

LugoXa
O AX Sagrado Corazón promove co apoio da Xunta o evento deportivo Xacobeo Basket Total, co baloncesto e o Camiño como eixos principais
Presentación Xacobeo Basket Total 1
Presentación Xacobeo Basket Total 1
8 sep 2022

O AX Sagrado Corazón promove co apoio da Xunta o evento deportivo Xacobeo Basket Total, co baloncesto e o Camiño como eixos principais, coa promoción do Camiño Francés e o Camiño Primitivo, e a celebración das actividades en Lugo, Palas de Rei, A Fonsagrada e Guntín.

A iniciativa contará coa participación dos dous principais equipos da cidade, o CB Breogán e o Durán Maquinaria Ensino; dos equipos de ACB e Liga Femenina Endesa, o Surne Bilbao Basket e o Embutidos Pajariel Bembibre; ademais de 14 equipos infantís e cadetes e adestradores nacionais.

Todos eles farán posible un amplo programa no que haberá encontros de primeiro nivel, torneos de categorías inferiores, partidos 3x3, clinic e xornadas adicadas ao baloncesto como deporte integrador para as persoas con discapacidade.

Os principais eventos previstos son os partidos que disputarán no Pazo dos Deportes de Lugo o CB Breogán e o Surne Bilbao Basket, o 10 de setembro ás 18.00 e o Durán Maquinaria Ensino fronte ao Embutidos Pajariel Bembibre, o día 18 ás 20.00.

A pista central do Pazo tamén acollerá o 18 de setembro ás 17.00 un torneo de baloncesto con xogadores de Aspnais (Lugo) e Prodeme (Monforte de Lemos). Así mesmo, na Fonsagrada disputarase a fin de semana do 24 e o 25 de setembro un torneo de formación amigable coa participación de oito equipos masculinos e seis femininos, que reunirán a 200 xogadores e xogadoras nados entre 2006 e 2010. Será o pavillón municipal e no IES Fontem Albei.

A programación complétase cun clínic para adestradores na Casa da Cultura de Palas de Rei o día 11, no que intervirán como ponentes Veljko Mrsic, Antonio Pernas, Jota Cuspinera e Gonzalo García de Vitoria.

Ademais, o pavillón municipal de Guntín acollerá durante toda a xornada do día 17 actividades deportivas, que incluirán unha competición de baloncesto 3x3.

Programacion ponencias