Obradoiros, teatro e degustacións na VII Feira do Mel da Montaña, en Baleira

LugoXa
[img]1|40|left[/img] Baleira acollerá a VII Feira do Mel da Montaña os próximos días 26 e 27 de outubro, con diversas actividades programadas para todos os públicos.
abellas-apicultura
20 Out 2024

Baleira acollerá a VII Feira do Mel da Montaña os próximos días 26 e 27 de outubro, con diversas actividades programadas para todos os públicos. O evento dará inicio o sábado, 26 de outubro, a partir das 15.30 horas, cun obradoiro de xabóns artesáns e ungüentos elaborados con cera e mel. A partir das 18.00 horas, os asistentes poderán participar nun taller de calidade e cata de meles, que se realizará no centro sociocultural.

A programación do sábado inclúe tamén unha representación teatral para o público infantil a cargo de Bátega, co espectáculo "O Mundo de Martiña" a partir das 19:00 horas. A xornada pecharase cun magosto organizado polo Concello de Baleira na praza municipal, onde se ofrecerán castañas e outras delicias, acompañadas de música e baile a partir das 20:00 horas.

O domingo, 27 de outubro, a feira abrirá as súas portas a partir das 10:00 horas, iniciando as actividades cun obradoiro de hidromel e cata a partir das 10:30 horas. Entre as 11:30 e as 14:00 horas, haberá un panel de cata, un obradoiro infantil de música "Esmelgar", degustación de feixós e chulas con mel e maridaxe de cerveza de castaña, así como a visita das autoridades.

O evento concluirá coa entrega de premios, diplomas e o sorteo do pasaporte gastronómico do Xeodestino Ancares - Terras de Burón. As persoas interesadas en participar nas actividades poden inscribirse chamando aos teléfonos 982 335 290 ou 659 275 743, ou enviando un correo electrónico a montes.vales.orientais@gmail.com.

 

Consulta o programa completo nesta ligazón

 

VII Feira do Mel da Montaña
0.21794700622559