Levan a cabo obras nocturnas para renovar o firme dunha das principais rotondas do Ceao

LugoXa
Os traballos desenvolveranse do 13 ao 16 de setembro, entre as 22.30 e as 7.00 horas, para reducir as afeccións ao tráfico e á actividade empresarial
Lugo-avenida-benigno-rivera
12 Sep 2026

O Concello de Lugo iniciará este domingo, 13 de setembro, a renovación integral do firme da rotonda que conecta as rúas Benigno Rivera e Infanta Elena, no polígono industrial do Ceao. A actuación prolongarase ata o mércores 16 e executarase exclusivamente en horario nocturno.

A planificación dos traballos busca reducir ao máximo as molestias nun dos puntos con maior intensidade de circulación da cidade e evitar interferencias na actividade habitual das empresas do polígono. Por este motivo, as obras realizaranse entre as 22.30 e as 7.00 horas, deixando libre a zona durante o período de maior movemento de vehículos.

A intervención incluirá o fresado do pavimento existente e a posterior colocación dunha nova capa de rodadura mediante mestura asfáltica en quente e rego de adherencia. Ademais, levarase a cabo a nivelación do terreo co obxectivo de solucionar as acumulacións de auga que se producen durante os períodos de choiva.

Os traballos completaranse coa adaptación dos rexistros existentes e o repintado da sinalización horizontal, co que se pretende renovar de maneira integral este punto da rede viaria do Ceao.

Durante as noites nas que permanezan activas as obras, toda a contorna estará sinalizada para advertir aos condutores e aos usuarios do polígono. Desde o Concello pídese circular con precaución, reducir a velocidade nas proximidades da actuación e respectar as indicacións de seguridade establecidas.

0.16228699684143