Oito empresas optan ás obras de ampliación do parque empresarial de Palas de Rei

LugoXa
A actuación permitirá incorporar preto de 40.000 metros cadrados de novo solo industrial para atender a demanda existente na comarca da Ulloa
Polígono-Palas-de-Rei
19 May 2026

Un total de oito empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de urbanización da Fase III do parque empresarial de Palas de Rei, na provincia de Lugo. A actuación permitirá ampliar en preto de 40.000 metros cadrados a superficie actual do recinto industrial, que conta na actualidade con 75.473 metros cadrados.

O obxectivo desta intervención é dar resposta á demanda de solo industrial existente no municipio e favorecer tanto a implantación de novas empresas como a ampliación da capacidade produtiva das industrias xa asentadas na zona.

Palas de Rei concentra actualmente 67 empresas, o que representa o 53,6 % das sociedades con domicilio social na comarca da Ulloa. No polígono industrial localízanse algunhas das firmas máis relevantes da comarca, que xeran case un cento de empregos directos.

Esta actuación forma parte das distintas iniciativas de desenvolvemento de solo empresarial que a Xunta de Galicia impulsa na provincia de Lugo. Entre elas atópanse a tramitación dos instrumentos de planeamento para a ampliación dos parques empresariais de Xove e O Corgo, a tramitación dos proxectos de urbanización para ampliar o polígono de Meira e as obras de execución da ampliación do parque empresarial das Gándaras.

En conxunto, a provincia de Lugo conta actualmente con 1,6 millóns de metros cadrados de solo empresarial en fase de tramitación ou urbanización.

0.12348484992981