Olalla Rodil defende un rural vivo e aposta por reforzar o sector primario galego

LugoXa
A cabeza de lista do BNG ao Congreso visitou unha explotación de gando ovino en Castroverde, onde reclamou medidas para garantir o relevo xeracional, a viabilidade das explotacións e a fixación de poboación no rural
Olalla Rodil explotación Castroverde
10 Nov 2026

A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Olalla Rodil, visitou unha explotación de gando ovino en Castroverde, onde defendeu a necesidade de impulsar o sector primario galego para garantir o futuro das explotacións e avanzar cara a un rural vivo e sustentable. A nacionalista apostou por un modelo de produción ligado ao territorio, que poña en valor a calidade dos produtos galegos, o respecto polo medio rural e a sustentabilidade.

Rodil destacou a importancia de apoiar as razas e producións autóctonas e favorecer os circuítos curtos de produción e comercialización, co obxectivo de xerar valor engadido nas explotacións e mellorar a súa viabilidade. Neste sentido, reclamou un cambio nas políticas dirixidas ao sector primario para garantir o relevo xeracional e reforzar a competitividade.

"Hai que dar a volta ás políticas aplicadas ao sector primario, garantindo o relevo xeracional e a competitividade", afirmou. A candidata sinalou que o agro galego ten futuro, pero precisa medidas que recoñezan o traballo dos produtores e produtoras e fomenten a transformación dos produtos en Galicia, así como a industrialización e o consumo de alimentos do propio sector primario, apostando pola diferenciación e a calidade.

A nacionalista advertiu tamén da perda progresiva de capacidade produtiva do sector e considerou que as eleccións do 23 de novembro representan unha oportunidade para cambiar esta situación. "A partir do 23N temos a oportunidade de darlle a volta á situación cun BNG forte no Congreso que traballe para garantir a fixación da poboación e o emprego no rural, dándolle a volta á perda de poboación", asegurou.

Rodil reivindicou, así, un medio rural con servizos, oportunidades laborais e actividade económica que permita manter a poboación e garantir o futuro das explotacións galegas.

0.15701913833618