Olga Novo, Ugia Pedreira e Xiana Lastra protagonizan en Lugo a XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral

LugoXa
A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará a cita
olga-novo
17 Out 2024

A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará a súa XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan o sábado 19 de outubro no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo. O evento, que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación, terá un amplo programa centrado na preservación e posta en valor da oralidade e da memoria inmaterial.

A xornada dará comezo ás 10:15 coa recepción dos asistentes, entrega de material e a inauguración oficial. A primeira conferencia, a cargo da poeta Olga Novo, versará sobre As que cantan, as que contan, as que calan: intrahistoria das subalternas, e continuará coa intervención de Beatriz Busto Miramontes, quen presentará As de Mens. A oralidade invisíbel tornando a visíbel.

Ao mediodía, as dúas conferenciantes protagonizarán unha mesa redonda titulada Axudaime compañeiras. As transmisoras da memoria inmaterial, coordinada por Eva Teixeiro. Pola tarde, Ugia Pedreira ofrecerá unha conferencia sobre As autorías na música tradicional, seguida da intervención de Xiana Lastra con Tradición e corazón. Ambas participarán nunha segunda mesa redonda, Cantar e crear a partir da tradición. As liñas de fuga, coordinada por Branca Villares.

A xornada concluirá cunha sesión práctica a cargo de Su Garrido ás 19:30, pechando así un día dedicado á reflexión sobre a tradición oral, a música e as transmisións culturais inmateriales. Este evento consolidado serve de encontro anual para poñer en valor o patrimonio oral galego e reflexionar sobre o papel das mulleres como transmisoras de memoria e cultura ao longo da historia.

 

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO NESTA LIGAZÓN

0.091500997543335