Orbazai prepara unha nova edición da súa Foliada para reivindicar a música tradicional e a cultura popular

LugoXa
A cita celebrarase este domingo na Carballeira de Xanares cunha feira de artesanía, actuacións musicais e unha foliada aberta para pechar a xornada
Presentacion-Foliada-Orbazai-Lugo-26
3 Jun 2026

A parroquia lucense de Orbazai acollerá este domingo, 7 de xuño, unha nova edición da súa Foliada, unha celebración popular que busca poñer en valor a música tradicional galega e destacar o dinamismo social e cultural desta zona do rural lucense.

A iniciativa está organizada pola Airiños de Orbazai, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes da parroquia, e conta un ano máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A programación foi presentada este mércores no Pazo de San Marcos.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou o compromiso da veciñanza de Orbazai coa conservación e promoción da cultura e da música tradicional. Ademais, subliñou o papel fundamental que desempeñan os colectivos de base no impulso da actividade social e cultural, especialmente nas parroquias rurais, ao tempo que reafirmou o apoio continuado da Vicepresidencia a este tipo de entidades a través de programas e iniciativas como o Tradigalu.

A xornada desenvolverase na Carballeira de Xanares e dará comezo ás 11:00 horas coa apertura da feira de artesanía, na que haberá demostracións e postos de venda de produtos artesáns e agroalimentarios.

A música tradicional converterase na gran protagonista do día. Ás 12:00 horas actuarán as aulas de música e baile de Airiños de Orbazai, mentres que ás 18:00 horas será a quenda das actuacións de Airiños de Orbazai, O Arco da Vella, As Xarutas e D’Xanares.

A programación continuará ás 22:00 horas cun concerto do grupo Os Carecos. A celebración concluirá cunha foliada aberta na que veciños e visitantes poderán participar e compartir música e baile tradicional ata o remate da xornada.

0.14811396598816