Organizan en Becerreá un curso de apicultura

LugoXa
Agacal organiza un curso sobre perfeccionamento da apicultura que está previsto dende o vindeiro xoves 23 ata o mércores 29 de setembro.
abella apicultura
19 Sep 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre perfeccionamento da apicultura que está previsto celebrar dende o vindeiro xoves 23 ata o mércores 29 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá.

En horario de mañá, a programación combinará 10 horas de clases teóricas con 15 horas prácticas. Os contidos centrarase na bioloxía do enxame, na instalación do apiario, nos obxectivos produtivos dunha explotación deste tipo, na calidade do mel e na prevención de riscos laborais na apicultura. Mentres, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos.

Con esta programación, a finalidade é fomentar a transferencia de coñecementos e innovación no sector apícola e garantir a xestión sustentable dos recursos naturais, ademais de impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente.

Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.   

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982828370.

0.16780114173889