Os campos Luis López Gorgoso e A Cheda serán obxecto de obras de mellora

LugoXa
As actuacións incluirán axustes de marcaxe, reparación de zonas deterioradas e substitución de céspede artificial co obxectivo de garantir a práctica deportiva
entrada-campo-municipal-A-Cheda-Lugo
23 Jun 2026

O Concello de Lugo levará a cabo nas próximas semanas diversas actuacións nos campos de fútbol municipais Luis López Gorgoso e A Cheda co obxectivo de corrixir os desprazamentos das liñas de marcaxe e outras incidencias detectadas nas superficies de xogo, que estaban a dificultar a práctica deportiva e afectando ao normal desenvolvemento da actividade dos clubs usuarios destas instalacións.

No campo Luis López Gorgoso realizaranse traballos de aliñamento das liñas de marcaxe desprazadas mediante medios mecánicos, así como o recorte dos excesos de céspede que puideron producirse. Ademais, procederase á fixación das liñas sobre a base elástica existente, ao achegue de recheos e a un cepillado integral da superficie.

Pola súa parte, no campo da Cheda, ademais destas mesmas actuacións, substituiranse varias zonas de céspede artificial deterioradas, realizaranse reparacións e repasos en distintos puntos da instalación e colocarase novo céspede nas áreas onde se produciu unha maior apertura das xuntas.

Estas actuacións son froito do acordo acadado entre a Concellería de Deportes e as empresas Mondo Ibérica e Calfensa, co fin de actuar de maneira inmediata sobre as incidencias detectadas en ambas instalacións.

O obxectivo é que os dous campos estean plenamente dispoñibles para o inicio da pretempada das distintas entidades deportivas que desenvolven a súa actividade nestes espazos.

Así mesmo, o Concello lembra que toda obra ou actuación de mantemento pode estar suxeita á aparición de incidencias ou retrasos imprevistos, polo que xa se está a traballar en solucións alternativas que permitan minimizar o impacto de calquera eventualidade e garantir que os clubs dispoñan das mellores condicións posibles para continuar coa súa actividade.

0.10916113853455