Os centros As Mercedes e Sanxillao poderán usar instalacións municipais para reforzar a formación práctica

O alumnado do Centro Integrado de FP As Mercedes e do IES Sanxillao poderá empregar distintas instalacións municipais de Lugo para complementar a súa formación práctica a partir do próximo curso. Esta colaboración será posible grazas a dous convenios asinados entre a Consellería de Educación e o Concello de Lugo.
No caso do CIFP As Mercedes, os estudantes dos ciclos de grao medio en Emerxencias e Protección Civil e de grao superior en Coordinación de Emerxencias e Protección Civil poderán utilizar parte das instalacións do Parque de Bombeiros. A Consellería de Educación achegará o persoal docente necesario e asumirá os custos do material funxible, dos produtos consumibles e do equipamento necesario para desenvolver as ensinanzas previstas nos acordos. O alumnado tamén poderá facer uso dos medios xa dispoñibles no propio parque.
Esta colaboración permitirá ademais que As Mercedes continúe sendo o único centro público de Galicia que ofrece estes dous ciclos formativos relacionados co ámbito das emerxencias e a protección civil.
Pola súa banda, o Concello de Lugo porá a disposición do IES Sanxillao, dous días ao mes, o posto número 16 da Praza de Abastos. Este espazo será utilizado para desenvolver proxectos e actividades formativas relacionadas coa gastronomía e a hostalaría, ámbitos nos que está especializado o centro educativo.
A materia prima necesaria para estas actividades poderá ser achegada voluntariamente polos produtores da Praza de Abastos ou do Mercado Municipal de Lugo que decidan colaborar en cada proposta. Ademais de contribuír á formación práctica do alumnado, a presenza do instituto neste espazo permitirá tamén dar a coñecer a súa oferta formativa.
Durante a sinatura dos convenios, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a colaboración que está a manter o Concello de Lugo no ámbito educativo. O responsable autonómico lembrou tamén que hai menos de dous meses se asinara outro acordo co Goberno municipal para ampliar o acceso da cidadanía ás instalacións deportivas dos centros educativos.
Sobre os novos convenios, Rodríguez sinalou que permitirán ofrecer "unha cualificación máis completa aos estudantes de Formación Profesional", ao facilitar o contacto directo con instalacións e equipamentos reais de traballo. Segundo explicou, aínda que determinadas situacións poden ser simuladas nos propios centros, realizalas en contornas reais e coa experiencia dos profesionais que traballan nelas achega un valor engadido á formación.