Os concellos da Área de Transporte Metropolitano de Lugo estudan coa Xunta o estado do servizo

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuníronse hoxe cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Lugo no marco da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. O encontro responde ao compromiso da Xunta de celebrar reunións en todas as áreas de transporte metropolitano, co obxectivo de avaliar o funcionamento do plan e analizar, xunto cos concellos, a evolución dos servizos que se prestan. Así, o de Lugo marca o inicio da rolda de encontros prevista ata finais de ano.
Con antelación a esta xuntanza, os concellos xa recibiran un informe coa actual oferta de servizos en cada un dos municipios, co obxectivo de facilitar a análise do estado actual do transporte na área de Lugo. O encontro serviu tamén para abordar a posibilidade de cambios e modificacións que aliñen a oferta coas necesidades cambiantes da cidadanía.
A comisión de seguimento da ATM de Lugo reúne os concellos de Baleira, Lugo, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Guntín, Castroverde, O Corgo e Castro de Rei. Todos eles están conectados por unha rede de servizos que facilitan os desprazamentos cotiáns cara á capital provincial e entre os concellos da propia área.
Por outra banda, antes de rematar este ano convocaranse tamén as comisións de seguimento das áreas de transporte metropolitano de Santiago de Compostela, de Ferrol, da Coruña e de Vigo.