Os hortos do Rato e Paxariños celebran xuntos por primeira vez a Festa da Colleita

Os usuarios dos hortos urbanos do Rato e de Paxariños reuníronse este domingo por primeira vez nunha Festa da Colleita conxunta, organizada pola Deputación de Lugo para celebrar os froitos do traballo realizado ao longo dos últimos meses e favorecer a convivencia entre as persoas que participan no programa.
Arredor dun cento de persoas asistiron ao encontro, celebrado ao aire libre nas inmediacións dos terreos cultivados do Rato. A programación incluíu unha comida na que os participantes tiveron a oportunidade de compartir e degustar diferentes produtos procedentes das súas propias colleitas.
Unha das principais novidades desta edición foi a incorporación dos usuarios dos 32 hortos de Paxariños, que se sumaron por primeira vez á celebración despois de que estes terreos pasasen a formar parte da dinámica de xestión da institución provincial.
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou na xornada e destacou o esforzo realizado polos usuarios durante un verán especialmente complicado para os cultivos debido á escaseza de precipitacións.
Fernández incidiu ademais na dimensión social da iniciativa e asegurou que estes espazos son "moito máis ca parcelas para cultivar", xa que permiten intercambiar coñecementos e experiencias, fomentar a colaboración entre os usuarios e estreitar os vínculos entre a veciñanza.
"Encontros como o de hoxe axúdannos a facer comunidade arredor dos hortos e a que as persoas que participan neste programa se coñezan, compartan e aprendan unhas das outras", sinalou.
A Deputación conta actualmente con 187 hortos urbanos repartidos entre o Rato e Paxariños. As parcelas concédense gratuitamente á cidadanía seguindo criterios sociais e as persoas beneficiarias dispoñen tamén dun servizo sen custo de mantemento e asesoramento.
O programa busca fomentar a agricultura ecolóxica e a concienciación ambiental, ao tempo que promove hábitos de vida saudables, o contacto coa natureza e a creación de espazos de convivencia.