Os Microefectos Dramatúrxicos regresan esta semana ao Club Clavicémbalo de Lugo

LugoXa
O grupo ofrecerá catro novas pezas de microteatro este xoves, venres e sábado, con funcións ás 20.30 e ás 22.30 horas
Microefectos-Dramatúrxicos-no-Club-Clavicémbalo-Lugo
1 Sep 2026

Os Microefectos Dramatúrxicos regresan esta semana ao Club Clavicémbalo de Lugo despois de tres meses desde a súa última sesión. O grupo de microteatro ofrecerá catro novas pezas este xoves, 3 de setembro, venres, 4 de setembro, e sábado, 5 de setembro, con dous pases cada día, ás 20.30 e ás 22.30 horas.

A nova sesión manterá o formato habitual da compañía, con catro obras de arredor de vinte minutos de duración nas que se abordan historias da vida cotiá desde diferentes perspectivas. As pezas caracterízanse por unha escrita directa e actual e combinan situacións pensadas para provocar no público tanto a risa como a emoción.

Nesta ocasión, a programación estará formada por "O permiso", escrita e dirixida por María Grandío e interpretada por Elvira Velasco, Anxo Manoel, Brian Rodríguez, Raquel L. Cendán e a propia María Grandío.

Tamén se representará "As ramistas", con texto e dirección de Brais García e interpretación de María Grandío, Elvira Velasco e Brais García. A terceira proposta será "Cíborg", escrita e dirixida por Raquel L. Cendán, que tamén participa como intérprete xunto a Brais García e Elvira Velasco.

Pechará a sesión "Burramia artificial", unha peza escrita e dirixida por Brian Rodríguez e interpretada por María Grandío, Anxo Manoel e o propio Rodríguez.

Os Microefectos Dramatúrxicos cumpriron o pasado mes de maio trece anos de traxectoria, consolidándose como unha das propostas habituais da programación do Club Clavicémbalo. Cada tres meses, o grupo renova practicamente por completo o seu repertorio e consegue reunir numeroso público arredor deste formato de teatro breve.

As entradas poden adquirirse de maneira anticipada a través da plataforma dixital Woutick. Tamén será posible mercalas directamente na billeteira do Club Clavicémbalo antes de cada un dos pases.

0.16513705253601