Os museos da provincia de Lugo amosan os avances en accesibilidade e inclusión no Día Mundial da Visión
A deputada de Cultura Iria Castro participou nun "Encontros de Saberes Compartidos" organizado pola Rede Museística Provincial de Lugo, coincidindo coa celebración do Día Mundial de Visión -10 de outubro - no que persoal dos museos provinciais de Lugo e persoas usuarias da ONCE valoraron a recente implementación dun novo sistema de comunicación e sinalética baseado en códigos Navilens, que facilita que as persoas con baixa ou nula visión poidan moverse de forma independente polo interior dos museos.
Os códigos -que poden ser identificados por dispositivos móbiles a unha distancia de ata 10 metros, sen necesidade de seren enfocados con precisión - ofrecen ás persoas usuarias instrucións de voz para guiar o seu percorrido polo museo, así como información sobre as obras de arte. A súa activación completouse nesta xornada, coincidindo coa efeméride,
na que a deputada puxo en relevo "o traballo realizado nas últimas dúas décadas pola Rede Museística para facilitar que todas as persoas poidan acceder ao patrimonio e ás actividades dos museos”.
Tamén falou sobre “a incorporación ao persoal dos museos de traballadoras e traballadores con capacidades diferentes, que colaboran e impulsan ese proceso de mellora continúa que seguiremos apoiando para lograr espazos cada vez máis accesibles, integradores e igualitarios”. Durante o encontro, tamén se recoñeceu e lembrou a contribución do oftalmólogo vallisoletano José Carlos Pastor Jimeno á difusión do proxecto "Fotografía a cegas, que leva 13 anos ofrecendo ás persoas con visión reducida a posiblidade de achegarse á fotografía dende a percepción sensorial.