Os museos provinciais celebran o seu vinte aniversario como rede cunha ampla axenda de actividades

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A programación incide na apertura dos museos a todos os públicos, e especialmente as máis novas e novos
presentacion-actividades-museos-20-aniversario-veran
30 Jun 2026

Os museos provinciais acollerán durante o verán unha ampla axenda de actividades culturais, divulgativas e didácticas, unha programación pensada para seguir achegando os fondos dos museos a persoas de todas as idades e conmemorar o vinte aniversario da constitución da apertura do Pazo de Tor como Museo e da constitución da Rede Museística Provincial.

A deputada de Cultura, Iria Castro; a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, presentaron este mediodía a programación, articulada baixo o epígrafe Escola, Cultura e Territorio: Verán na Rede Museística.

Iria Castro explicou que “a programación incide na apertura dos museos a todos os públicos, e especialmente as máis novas e novos, creando oportunidades para que se acheguen ao patrimonio e á creación artística” e remarcou que “a configuración da Rede, cos catro museos espallados polo territorio, facilita que estas propostas culturais e didáctica, que involucran a artistas e colectivos diversos, chegue a persoas de toda a provincia”

Encarna Lago explicou que “a programación de actividades de verán deseñouse co obxectivo de dar o máximo protagonismo ao vinte aniversario da creación da Rede e da apertura do Pazo de Tor e de visibilizar o proxecto de museos inclusivos, igualitarios e centrados nas persoas que levamos dúas décadas desenvolvendo”.

O acto de presentación contou tamén coa participación das artistas Soila Jankowska e Cris Bamio, que impartirán os obradoiros A linguaxe do barro, e do colectivo Terras Irmás, unha entidade asentada en Lugo e centrada na creación de redes de colaboración entre entidades educativas, culturais e sociais, fomentando o intercambio de experiencias e a aprendizaxe mutua entre diferentes territorios europeos.

Xullo: Obradoiros

  • 11 de xullo, de 12:00h a 13:00h | Museo Fortaleza San Paio de Narla
    Obradoiro “Contra todo mal… Un herbario medieval!” (a partir de 6 anos). Recoñecemento da flora local e das calidades medicinais para construír un herbario con materiais de refugallo.
  • 12 de xullo, de 17:00h a 19:00h | Museo Pazo de Tor
    Obradoiro asociado ao espectáculo “Os Senteito” (a partir de 4 anos). Exploración da idea de fogar.
  • 14 de xullo, de 12:00h a 14:00h | Museo Provincial de Lugo
    Obradoiro asociado ao espectáculo “Carapuchiña Vermella” (a partir de 4 anos). Achegamento ao universo do pan galego.
  • 15 de xullo, ás 12:00h | Museo do Mar de San Cibrao
    Obradoiro asociado ao espectáculo “Moby Dick” (a partir de 4 anos). Exploración das historias do océano e da identidade do centro.
  • 21 de xullo e 28 de xullo, de 17:00h a 18:30h | Museo Provincial de Lugo
    Obradoiro “A linguaxe do barro: Milagres compartidos”, con Soila Jankowska e Cris Bamio (adultos). Decoración dunha peza de barro artesanal. Actividade complementaria da exposición “Tecendo redes”. 15 prazas. Inscrición: comunidadermpl@gmail.com.

Agosto: Programa Erasmus+
Actividades do programa Erasmus+ con CULTIV e Terras Irmás:

  • 18 de agosto, ás 18:00h | Museo Fortaleza de San Paio de Narla e Pazo de Tor
    Obradoiro “A Tradução do Medo”. Construción de museos interiores relacionando espazos coas memorias colectivas. (16 a 22 anos)
  • 19 de agosto, ás 18:00h | Pazo de Tor
    Obradoiro “Manual para Criar um Jardim em Casa”. Construción de espazos persoais a través da escritura. (Para coidadores informais ou persoas que traballan en residencias de anciáns)
  • 20 de agosto, ás 18:00h | Museo Provincial de Lugo
    Obradoiro “Saramago para Todas as Línguas”. Reflexión sobre a diversidade lingüística a partir da obra de José Saramago. (6 a 12 anos)
  • 21 de agosto, ás 18:00h | Museo do Mar de San Cibrao
    Obradoiro “Contador de Histórias”. Recuperación de memorias da costa para crear unha cartografía de historias. (6 a 12 anos)

Pazo de Tor: vinte anos da súa apertura como museo

Alén do 20 aniversario da constitución da Rede, un proceso que comeza a tomar forma o 30 de xuño de 2006, este verán -o 13 de xullo – cúmprense tamén 20 anos da apertura como museo do Pazo de Tor, unha efeméride que se conmemorará con actividades que repasan o percorrido do museo como referente da museoloxía social e reforzan a súa proxección no ámbito cultural.

O 9 de xullo ás 10:00 horas, o Pazo acollerá o relatorio A Rede Museística de Lugo. Un exemplo de boas prácticas desde unha museoloxía social e transformadora” coa participación de Cosme J. Gómez Carrasco da Universidad de Murcia, e coas intervencións de Ana Moreno Rebordinos do Museo Nacional del Prado, Rufino Ferreras Marcos do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza e José Manuel Rey García do Servizo de Museos do Concello de Vigo.

Os actos centrais do aniversario continuarán o 12 de xullo ás 19:00 horas, cando a contorna do Pazo de Tor servirá va de escenario para a representación da obra de Castelao "Os vellos non deben de namorarse". A Asociación Cultural e Folclórica Os de Algures executará esta posta en escena, reproducindo o vestiario a partir dos debuxos do autor e respectando as súas indicacións sobre escenografía, movementos, uso de máscaras e músicas tradicionais. O acceso será libre e gratuíto.

O sábado 18 de xullo o Pazo de Tor será a sede do encontro Sagra Forma co actor Sergi López. Este evento, en colaboración con Sacra Experience, abarcará conversas, un taller e proxeccións. O programa comezará cunha sesión de 11:00 a 14:00 horas centrada nunha conversa sobre a súa traxectoria, reflexións e inquietudes.

Durante os meses de xullo e agosto, ofreceranse catro visitas guiadas en todos os museos da rede. Os percorridos terán lugar de martes a venres coas quendas de mañá ás 11:00 e 12:30 horas, e as quendas de tarde ás 16:30 e 18:00 horas. A asistencia farase sen necesidade de anotarse, coa única excepción do Pazo de Tor, onde todas as visitas realizaranse exclusivamente baixo reserva previa a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com.

0.13249611854553