Os Nabos de Gracián presentan na Despensa de Saa o seu terceiro fanzine, "Ouriolos de Estramonio"

O colectivo creativo e literario Os Nabos de Gracián presentará este sábado, 12 de setembro, o seu terceiro fanzine, "Ouriolos de Estramonio". O acto terá lugar ás 20.00 horas na Taberna Cultural A Despensa de Saa, onde se dará a coñecer esta nova edición da publicación semestral.
O fanzine nace como un espazo para reivindicar a expresión libre e poñer en valor diferentes manifestacións culturais de vangarda, tanto actuais como doutras épocas, así como a cultura alternativa. Todo iso sen perder o referente que marcou a orixe do colectivo: a aldea e o mundo rural.
Este terceiro número supón, segundo os seus impulsores, un salto cualitativo pola diversidade dos seus contidos. Entre as súas páxinas inclúe unha homenaxe ao escritor Alfonso Pexegueiro con motivo dos 50 anos da publicación de "Seraogna", unha obra considerada transgresora e referencial.
A publicación tamén incorpora unha entrevista ao escritor Paco Martín e unha análise da súa obra "Ramón Lamote". Ademais, mantén a súa sección dedicada ao galego de Asturias e do Bierzo e reserva tamén un espazo para a escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño.
No ámbito das artes gráficas, o terceiro fanzine achega aos lectores á obra da ilustradora e freelance Ana Santiso. A música pop de autor en galego está representada nesta ocasión por Minguante Dúo, de Negreira.
A nova edición aborda tamén cuestións de actualidade relacionadas coa economía do rural, cun debate arredor do Mercosur. A estes contidos súmanse outras propostas relacionadas coa poesía, a fotografía e diferentes expresións artísticas e culturais.
Con esta terceira entrega, Os Nabos de Gracián continúan consolidando un proxecto que aposta pola creación literaria e artística desde unha perspectiva vinculada ao rural, á cultura alternativa e á defensa da diversidade das expresións culturais.