Os senadores do PP esixen ao Goberno cubrir de inmediato as vacantes do INSS en Lugo

Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de rexistrar unha moción na que reclaman ao Goberno de España a cobertura inmediata das prazas vacantes de médicos avaliadores adscritos aos Equipos de Valoración de Incapacidades (EVI) da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de Lugo.
Os populares presentaron hoxe esta iniciativa, que se basea nos propios datos facilitados polo Executivo en resposta parlamentaria, que revelan unha situación límite: das 7 prazas existentes na provincia de Lugo só 2 estaban efectivamente cubertas no mes de abril deste ano. Ademais, a evolución dos efectivos evidencia un deterioro progresivo e alarmante, ao pasar de 8 médicos avaliadores en 2020 a apenas 2 na actualidade.
Para os senadores populares, estes datos constitúen a confirmación do abandono que sofre un servizo esencial para milleiros de traballadores e familias da provincia. “Non estamos ante un problema administrativo menor; estamos ante un auténtico colapso dun sistema do que dependen decisións que condicionan a vida laboral, económica e persoal de moitas persoas”, advirten.
Barreiro, Balseiro e Serrano a que a falta de persoal médico está a provocar acumulación de expedientes, atrasos nas citacións, informes pendentes de emitir e resolucións que se prolongan durante meses. Unha situación que mantén a moitos cidadáns nunha permanente incerteza sobre o seu futuro laboral e sobre os seus dereitos prestacionais.
Os representantes lucenses do PP alertan ademais de que a sobrecarga que soportan os profesionais dispoñibles pode acabar repercutindo na calidade das valoracións médicas, incrementando o risco de erros ou de resolucións insuficientemente fundamentadas.
Especial preocupación xera tamén a situación daqueles traballadores que son declarados non aptos para desempeñar o seu posto de traballo pero que, posteriormente, non obteñen o recoñecemento dunha incapacidade por parte da Administración, quedando atrapados nun limbo laboral e económico do que resulta moi difícil saír.
Os senadores lucenses consideran especialmente significativo que o propio Goberno de Sánchez atribúa esta situación ás xubilacións e ás dificultades para captar profesionais médicos, ao tempo que recoñece a incapacidade para cubrir as vacantes existentes.
“Non é aceptable que o Executivo se limite a constatar o problema mentres os cidadáns seguen sufrindo as consecuencias. Se hai 5 vacantes sen cubrir sobre 7 prazas existentes, é evidente que as medidas adoptadas ata agora son insuficientes”, sinalan.
OS TEMPOS REAIS DE ESPERA
A iniciativa popular tamén pon o foco nun feito que consideran “extraordinariamente grave”: o Goberno admite que non dispón de datos sobre a demora media dos expedientes de incapacidade permanente nin sobre o tempo que transcorre entre o inicio dun procedemento e a emisión do ditame dos Equipos de Valoración de Incapacidades.
Para os populares, “o máis preocupante non é só que existan atrasos, senón que o Goberno nin sequera os mida”. Ao seu xuízo, resulta imposible planificar reforzos de persoal, avaliar o funcionamento do sistema ou adoptar medidas correctoras cando a propia Administración descoñece os tempos reais de tramitación.
“Se non saben canto tardan os expedientes en resolverse, dificilmente poderán solucionar os problemas que están a padecer os cidadáns”, afirman.
REFORZO URXENTE E TRANSPARENCIA
A moción presentada polos senadores lucenses do PP reclama a cobertura inmediata de todas as vacantes existentes en Lugo, a posta en marcha dun plan extraordinario de reforzo para as provincias con déficit estrutural de persoal médico avaliador, medidas específicas para captar e fidelizar profesionais e a publicación periódica dos tempos medios de tramitación dos expedientes.
Os tres senadores conclúen que “os lucenses teñen dereito a unha administración áxil, rigorosa e eficaz. O que non poden aceptar é que unha cuestión tan sensible como o recoñecemento dunha incapacidade dependa dun servizo que funciona con menos dun terzo dos efectivos que debería ter”.