Os sindicatos chaman a mobilizarse este xoves en Lugo ante o bloqueo dos convenios do metal

GaliciaXa | LugoXa
CIG, UGT e CCOO convocan unha concentración o 1 de outubro nos accesos ao Ceao e manteñen dúas xornadas de folga para os días 14 e 21
Cig-metal-Lugo
30 Sep 2026

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO convocaron unha concentración este xoves, 1 de outubro, ás 13:00 horas nas rotondas de acceso ao Polígono do Ceao para reclamar avances na negociación dos convenios colectivos do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo.

A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado nas diferentes asembleas de persoal celebradas durante as últimas semanas ante a falta de avances substanciais nas negociacións. Se a situación non cambia, os sindicatos manteñen convocadas dúas xornadas de folga para os días 14 e 21 de outubro.

Desde CIG-Industria de Lugo-A Mariña, o seu responsable, Afonso Losada, critica a actitude da patronal tras a última reunión da mesa negociadora. Segundo sinala, a representación empresarial non presentou novas propostas en materia salarial nin sobre a redución da xornada e centrou o encontro en cuestións que os sindicatos consideran secundarias.

"A reunión deste venres confirmou a escasa vontade da patronal para chegar a un acordo", afirma Losada, quen tamén cuestiona que non se incorporasen novas propostas malia a redución das demandas formuladas inicialmente pola parte social.

Os sindicatos consideran que as negociacións non poden prolongarse indefinidamente ante a perda de poder adquisitivo dos traballadores derivada do incremento do custo da vida. Por iso, reclaman actualizar os salarios e mellorar as condicións laborais e sociais do persoal de ambos os sectores.

Entre as principais reivindicacións figura unha suba salarial do 7% para cada ano de vixencia do convenio, xunto cunha cláusula de revisión anual vinculada ao IPC máis un punto para preservar o poder adquisitivo.

A parte social tamén propón reducir a xornada laboral nun día por ano a partir de 2027, ampliar a cobertura durante as baixas médicas, mellorar as licenzas e incorporar novas medidas en materia de prevención e seguridade. A estas demandas súmanse propostas destinadas a combater a precariedade laboral no sector.

A mesa de negociación volverá reunirse o 9 de outubro. Os sindicatos advirten de que, se nese encontro non se producen avances significativos, manterán o chamamento ao persoal do siderometal e do comercio do metal para secundar as folgas previstas para o 14 e o 21 de outubro.

0.11648082733154