Os socialistas de Portomarín reclamarán no pleno melloras no Campo da Festa e en varias pistas municipais

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín presentará dúas mocións no vindeiro Pleno ordinario, previsto para este xoves, co obxectivo de reclamar ao Goberno local do PP actuacións ante o estado de deterioro do Campo da Festa e de varias pistas municipais do concello.
O voceiro socialista Sergio Vázquez asegurou que ambas propostas evidencian, ao seu xuízo, unha falta de atención do Executivo local tanto no mantemento dos espazos públicos como na conservación das vías utilizadas diariamente pola veciñanza das parroquias.
A primeira das iniciativas céntrase na situación do Campo da Festa, un dos espazos verdes e de lecer máis representativos e frecuentados do núcleo urbano. Desde o PSdeG lembran que se trata dun punto de encontro habitual para persoas de todas as idades, especialmente durante os días de calor, e tamén dun lugar moi utilizado por peregrinos e visitantes debido ás súas zonas de sombra, mesas de pedra e espazos destinados ao descanso e á estancia ao aire libre.
Porén, os socialistas denuncian que este espazo presenta un importante deterioro derivado, segundo sosteñen, da falta de mantemento. Entre as deficiencias apuntadas figuran o estado do antigo palco da música, no que sinalan problemas de sucidade, pintadas, presenza de maleza e danos no piso de madeira; o abandono dos baños públicos situados baixo esta estrutura; o deterioro do acceso desde a Avenida de Sarria, con escaleiras en mal estado e presenza de vexetación; así como carencias no mantemento do parque infantil.
A través desta moción, o Grupo Municipal Socialista solicitará que o Pleno acorde unha actuación integral de reparación e acondicionamento do Campo da Festa, dando prioridade aos puntos que consideran máis deteriorados, como o antigo palco, o parque infantil e o acceso desde a Avenida de Sarria.
A segunda proposta presentada polos socialistas reclama a mellora inmediata de tres vías municipais situadas en distintas parroquias do municipio: a pista de acceso a San Xulián, en Caborrecelle; a estrada das Ventas de Narón, en San Mamede do Río; e o Camiño da Costa, en Recelle.
Segundo denuncian desde o PSdeG, a vía de acceso a San Xulián presenta un firme moi deteriorado, con numerosos baches e cunetas sen limpar. No caso da estrada das Ventas de Narón, alertan tamén do mal estado do pavimento e da presenza de fochancas de gran tamaño nun punto polo que transitan diariamente persoas vinculadas ao Camiño de Santiago.
Respecto ao Camiño da Costa, os socialistas lembran que xa trasladaran esta problemática en anteriores sesións plenarias sen que, segundo indican, se realizase ningunha intervención. Trátase dunha vía que consideran importante para os residentes da parroquia ao facilitar o acceso a parcelas e ao depósito de auga destinado á prevención de incendios.
Sergio Vázquez criticou tamén o que considera unha falta de atención ás parroquias e reclamou unha actuación urxente para mellorar estas infraestruturas e atender as demandas veciñais. O portavoz socialista concluíu que ambas iniciativas buscan que o Goberno local asuma as súas responsabilidades no mantemento dos espazos públicos e das vías municipais.