Os traballadores de natación do Club Fluvial denuncian presión laboral e xa presentaron demandas contra o club

Os traballadores da sección de natación do Club Fluvial de Lugo denuncian unha situación de presión laboral que, segundo aseguran, está a afectar ao persoal e ao funcionamento ordinario da actividade deportiva. Catro empregados presentaron demandas xudiciais contra a entidade por diferentes cuestións relacionadas cos seus dereitos laborais.
Un dos procedementos corresponde a un adestrador que reclama por unha presunta vulneración de dereitos fundamentais tras recibir unha sanción cualificada como falta moi grave, que implica 40 días de suspensión de emprego e soldo. Outro traballador demanda ao club porque, malia estar contratado como monitor, realiza funcións de adestrador. Ademais, reclama o pagamento de horas extraordinarias que asegura ter realizado e que non lle foron aboadas.
Os outros dous empregados tamén recorreron á vía xudicial pola súa categoría profesional, ao considerar que os seus contratos como monitores non se corresponden coas funcións de adestrador que desempeñan. Un deles foi cesado recentemente, a pesar de que, segundo os traballadores, xa fora confirmado para exercer como adestrador durante a tempada 2026/2027.
Os afectados sosteñen que, tras presentar as reclamacións, se produciu unha escalada de medidas que consideran represalias polo exercicio dos seus dereitos laborais. Entre elas, sinalan o cesamento do compañeiro, a sanción de 40 días e a situación de incapacidade temporal de dous profesionais, que vinculan ás condicións laborais existentes.
O persoal afirma estar a soportar unha situación continuada de presión e hostigamento, así como un deterioro do clima laboral que consideran incompatible co desenvolvemento normal da actividade deportiva.
Os adestramentos, condicionados
As consecuencias do conflito tamén afectan á sección de natación. Segundo explican os traballadores, os adestramentos do equipo estiveron suspendidos desde o 25 de setembro por falta de adestradores e retomáronse o 2 de outubro. Porén, aseguran que, a día de hoxe, só consta a contratación dun novo profesional, polo que consideran que a recuperación da actividade é parcial e insuficiente para cubrir todas as necesidades da sección.
Os afectados advirten de que esta situación prexudica os deportistas e as súas familias, ademais de condicionar o funcionamento dunha sección que consideran un referente deportivo na cidade.
Á problemática laboral engaden a situación do convenio colectivo de aplicación, que, segundo denuncian, non se publica desde 2018 e só se actualiza mediante comunicacións internas.
Catro reivindicacións para resolver o conflito
Ante esta situación, os traballadores solicitan o cesamento inmediato de calquera actuación que poida prexudicar ou represaliar o persoal polo exercicio dos seus dereitos. Tamén reclaman a readmisión do compañeiro cesado e a retirada da sanción que consideran desproporcionada.
Así mesmo, piden regularizar as categorías profesionais de acordo coas funcións que realiza cada empregado e aboar as cantidades pendentes. Por último, reclaman a apertura dun proceso de diálogo que permita recuperar unhas condicións laborais respectuosas coa legalidade e coa dignidade profesional, tendo en conta, especialmente, os intereses dos deportistas e das súas familias.