Os veciños da Milagrosa reclama explicacións polos atrasos nas obras do seu centro de saúde

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa fixo pública a súa preocupación pola evolución das obras do Centro de Saúde do barrio, unha infraestrutura demandada desde hai anos e cuxa execución, segundo denuncian, progresa a un ritmo claramente insuficiente.
O titular da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia anunciara o inicio dos traballos para o verán de 2025, pero a actuación comezou xa con demora debido a que no inmoble continuaba operativa a lavandería do HULA, circunstancia que impediu o arranque inmediato da intervención. O centro pechara as súas portas en xuño de 2024 e, desde entón, os máis de 10.000 pacientes adscritos foron derivados de maneira provisional ao Centro de Saúde da Residencia, un traslado que, segundo o colectivo, se prolongou moito máis do razoable.
A empresa adxudicataria fixara un prazo de execución de 18 meses, o que situaría a conclusión da obra na primavera de 2027. Porén, cando está a piques de cumprirse un ano desde o inicio previsto, a asociación asegura que o estado actual dos traballos dista moito do comprometido. As imaxes tomadas esta mesma semana e as observacións realizadas, segundo indican, amosan un avance mínimo, moi afastado do que sería esperable nesta fase do proxecto.
Mentres tanto, continúan chegando queixas veciñais, especialmente de persoas maiores e pacientes con mobilidade reducida que se ven obrigados a desprazarse en taxi ou depender de terceiras persoas para acudir ao seu médico de cabeceira. Trátase do único centro de saúde situado dentro do barrio, xa que o resto se atopan na zona da Residencia ou en Islas Canarias, en Albeiros, o que agrava a situación asistencial.
Ante este escenario, a asociación diríxese directamente ao conselleiro de Sanidade para reclamar explicacións claras sobre as causas do atraso acumulado, a presentación dun calendario actualizado, realista e verificable, a adopción de medidas inmediatas que permitan acelerar a execución e a garantía de que os 8.000 pacientes afectados —segundo as súas cifras— recuperarán o seu centro de saúde en condicións dignas e nun prazo axeitado.
A entidade formula unha pregunta directa: se a obra estará rematada en 2030, xa que, ao seu xuízo, nada fai pensar a día de hoxe que poida estar lista en 2027. A Milagrosa, sinalan, é un barrio dinámico, con forte tecido social e comercial, que sostén a miles de familias, polo que non aceptarán, conclúen, un trato que consideran impropio nin demoras nun servizo básico como a sanidade pública.